Claro que hai loita de clases

  Na segunda metade do século XV, nun contexto de fame e abusos constantes por parte da clase dominante, Galiza viviu unha situación de conflito social que derivou na que, posibelmente, foi a maior revolta social de toda a Europa do século XV.

 

Na segunda metade do século XV, nun contexto de fame e abusos constantes por parte da clase dominante, Galiza viviu unha situación de conflito social que derivou na que, posibelmente, foi a maior revolta social de toda a Europa do século XV. Foi unha guerra de clases na que, segundo se conta, o conde de Lemos, un dos vencedores, sabedor da necesidade de contar cunha clase traballadora que permitise manter o seu status de benestar e satisfacer as súas necesidades de poder, cando o mariscal Pardo de Cela o instaba a "encher os carballos de vasalos", o conde respondeulle que "non se ía manter de carballos".

Pode que non sexa metodoloxicamente correcto establecer paralelismos entre a Galiza do século XV e a do século XXI mais hoxe, como daquela, unha inmensa maioría da poboación está sometida ás decisións que ditan organismos que fican fóra de todo control democrático, en forma de grandes bancos, corporacións financeiras e outras mutacións do sistema que se apropian dos gobernos e con eles dos cidadáns, -lembremos as proclamas de Rajoy cando di que non lle gusta tomar as medidas que toma máis non ten máis remedio- medidas que rachan as conquistas sociais -educación e sanidade en primeiro lugar- logradas no derradeiro século e impoñen políticas de restrición de dereitos laborais e sociais apelando a prácticas de austeridade e control de gasto.

Nos próximos días, o 14 e o 27 de novembro, Galiza sairá de novo á rúa para se levantar contra os secuestradores que se rescatan a si mesmos co diñeiro, o esforzo e o traballo dos galegos e galegas: dos que sufriron unha reconversión naval ou agrícola; das que foron ao desemprego procedentes do téxtil ou do pequeno comercio, autónomos ou asalariadas. Unha, a do 14, enmárcase no contexto dunha mobilización en varios estados da Unión Europea, con folga xeral incluída e a idea de que, se queremos ter futuro, un futuro con capacidade de decisión, é preciso loitar con contundencia contra a explotación e o empobrecemento a que se está sometendo as clases traballadoras. A outra, a do 27, pretende pór en evidencia a situación insostíbel de milleiros de explotacións gandeiras de Galiza que, non o esquezamos produce o 40% do leite de todo o estado, e se verán forzadas ao peche de non variar o escenario actual, marcado polos prezos máis baixos do estado e de Europa, esa Europa que tanto se empeñou en desmantelar os nosos sectores produtivos desde o naval ao leiteiro, coa axuda directa de todos os gobernos do estado e a complicidade dos gobernos do PP na Galiza.

Serán dúas mobilizacións ben diferentes na súa concepción, e mesmo con diferente proxección social, mais cun punto de unión: só con soberanía teremos futuro nun momento en que o neoliberalismo radicaliza as súas posicións e, como acontecía no século XV, está decidido a encher os carballos de vasalos. Aclárao ben Warren Buffett, o multimillonario americano, cando asume taxativamente que hoxe en día hai, máis que nunca, loita de clases e non se ruboriza en concluír que é a súa clase, a dos ricos, a que comezou a loita que van gañando, nunha batalla que ten, como efectos colaterais, que na maioría dos países prósperos aumentou a desigualdade económica durante as últimas décadas case á mesma velocidade coa que minguaron os impostos para os multimillonarios. E é que o sistema é tan voraz que, de non o impedirmos, acabará por devorar vasalos e carballos.