Sacúdense as bases da Unión Europea
En moi pouco tempo caíron varios pilares da Unión Europea.
En moi pouco tempo caíron varios pilares da Unión Europea. O que sucedeu na Grécia sacudiu os alicerces da Unión. Demostrou que unha economía que non funcionaba antes de que o país entrase na Unión Europea, funcionou pior ainda depois de que entrou nela, porque os demais países se aproveitaron para enchelo de dívidas oferecéndolle crédito cando non debían. E demostrou que se aceitaba o que nen sequer estaba previsto que sucedese e para o que non había tratados, que era que un país quixera ou tivera que saír da Unión.
As inundacións de emigrados botaron abaixo o Tratado de Schengen e o sistema de Dublin, e ninguén saberá o que facer por moitas reunións de alto nível que se convoquen. Os emigrados decidiron buscar unha vida fóra dos países destrozados polas guerras "humanitarias" e "libertadoras", sen pedir permiso e pasase o que pasase, e a xente dos países aos que acudiron púxose, para surpresa dos políticos, que non entenden que mudou a corrente, do lado deles. Non foi que Merkel decidise acollelos con xenerosidade, senón que entendeu que o sentir da xente ía nese sentido e que facer outra cousa traeríalle graves problemas. Os políticos da Hungría, en cambio, que seguiron con exactitude o que dictaban os tratados da Unión Europea, quedaron mal e foron acusados de brutalidade e crueldade.
Os políticos da Hungría, en cambio, que seguiron con exactitude o que dictaban os tratados da Unión Europea, quedaron mal e foron acusados de brutalidade e crueldade
Tampouco é que a xente non se decate do problema que supón a invasión de emigrados. Ainda que se esté tentando espallar a idea de que a Alemaña, por exemplo, convenlle acoller emigrados porque precisa deles por razón demográficas, podería facelo dun xeito mais ordeado e sen o trastorno que supón esa acollida en termos de vivenda, subsistencia, escolas e idioma entre outras cousas. Nengún alemán pode encontrar doado ter que calcular moito mais tempo para chegar a calquer sitio en auto ou en camión porque polas estradas camiñan ringleiras de emigrados, nen atopar o xardín da casa cheo deles cando abre a porta pola mañá.
Porén, en xeral os alemáns reaccionaron con comprensión e humanidade, e con esa imaxinación para o sofrimento alleo que forma parte da visión intelixente do mundo e que os políticos pechados nas suas capeliñas e torres de marfin nen sequer entenden.
E agora non son só os alicerces e pilares da Unión Europea os que se sacuden, senón que se abriu a posibilidade de que o motor e modelo económico da Unión, Alemaña, deixe de selo polo escándalo da Volkswagen. Mesmo porque a economía da Alemaña se basea, até un ponto cuase insosteníbel, na exportación, e esa exportación apóiase na reputación de fiabilidade e seriedade que conseguiu, o de que unha firma como a Volkswagen fose capaz de trapacear como o fixo pode ter repercusións inconmesurábeis .