En lembranza e homenaxe ao camarada Moncho

O próximo día 12 de agosto cúmprense 45 anos do asasinato do compañeiro da Unión do Pobo Galego (UPG) Xosé Ramón Reboiras Noia, Moncho. Un militante comunista que xogou un papel moi importante no que foi a autoorganización do pobo galego a todos os niveis.

A UPG, conformada en 1964 como fronte patriótica, froito dun debate interno levado adiante a inicios da década de 1970, termina abandonando o modelo frontista pasando a definirse como un partido comunista patriótico galego, un partido nacionalista galego de ideoloxía marxista-leninista ao servizo da defensa dos intereses da clase traballadora galega.

Partindo da base de que Galiza é unha nación e da análise marxista da nosa realidade socioeconómica, a UPG chega á conclusión de que Galiza cumpre un papel colonial no contexto do Estado, que provoca unha dupla explotación da clase traballadora galega (a que sofre como clase) e a derivada de ser parte dun pobo explotado e espoliado polo imperialismo español, e que polo tanto a loita pola liberación como clase e como pobo están intimamente ligadas, son a mesma loita. Non é posíbel rematar coa explotación da clase traballadora galega, conseguindo a liberación como clase, formando parte dunha nación oprimida, privada da súa soberanía.

Pero a UPG chegou tamén a outra conclusión, non menos importante: a loita pola defensa dos dereitos de Galiza e os das súas clases populares só sería posíbel se era o propio pobo galego o que asumía o protagonismo e dirección desa loita, e para iso era preciso a súa autoorganización a todos os niveis. Esta conclusión levou a que a inicios dos anos 70 (unha década marcada por feitos tan relevantes como unha forte crise económica, o asasinato pola policía franquista dos traballadores da empresa Bazán, Daniel Niebla e Amador Rei, ou a caída da ditadura franquista) a UPG puxese todo o seu esforzo en  promover organizacións galegas en diferentes ámbitos, o que propiciou a constitución de organizacións como a ING, as CCLL, ERGA, Adega, a Fronte Cultural ou a ANPG. A este importante labor sumáronse, nos primeiros momentos, compañeiros e compañeiras provenientes de Organización Obreira, Galiza Socialista, persoas independentes, posteriormente o POG e xa a finais da década dos 70 persoas provenientes do PTG.

Estamos a falar de anos dunha enorme conflitividade laboral, social e política; de moito debate ideolóxico co españolismo e dun grande esforzo por organizar o pobo galego e disputarlle o espazo, o protagonismo e as alternativas, a nivel político e social, ao españolismo de dereitas e de esquerdas. Anos de moito compromiso militante, no que o compañeiro Moncho Reboiras tivo un comportamento exemplar, tanto no papel xogado na definición ideolóxica da UPG e do nacionalismo no seu conxunto, dentro dos organismos partidarios, como na súa práctica diaria á hora de promover a organización do nacionalismo en todos os ámbitos e sectores, até o extremo de dar a súa vida neste labor.

A autoorganización do pobo galego a todos os niveis, nos inicios dos anos 70, marcou a dinámica política e reivindicativa en Galiza, asumindo o nacionalismo a dirección e o protagonismo nas principais loitas e conflitos que tiveron lugar na nosa nación, no campo político, económico, laboral, medio ambiental, lingüístico…, o que lle reportou prestixio, recoñecemento e introdución social e institucional. Son numerosas as loitas que poderiamos pór como exemplo.

Moito do traballo desenvolvido polo nacionalismo na década dos 70, no plano político, ideolóxico e organizativo, foi determinante á hora de sentar as bases que fixeron posíbel, xunto cunha práctica social coherente ao longo destes anos e os seguintes, conquistar o peso que o nacionalismo ten na actualidade na nosa sociedade. Sirvan como exemplo disto o feito de ser hoxe a CIG a primeira central sindical de Galiza e o BNG a segunda forza política con representación no Parlamento galego.

O que hoxe representa o movemento nacionalista na sociedade galega é a mellor proba de que  Moncho Reboiras non morreu, de que segue vivo en todos os centos de compañeiros e compañeiras que cada día seguimos a traballar co obxectivo de facer realidade os ideais e a sociedade galega, libre e soberana, pola que Moncho loitou e pola que deu a súa vida. A loita continúa.