No podium das cousas boas

Vexo case con fastío de tanta “novidade babeca” que agora venden tamén sandías sen pebidas “para dalas comido mellor ”, di quen ma vende. Véñenme á cabeza outras tardes de verán, cando o deporte nacional era arrebolar pebidas e carozos o máis lonxe que puider. Fornecidos de pexegos, albaricoques e ameixas comiamos rabiando por chegar ao centro da froita e acadar outra peza para lanzar. Había un veciño, maquinista de tren, que era o noso ídolo a seguir, en todos os niveis, distancias e estilos. De ter habido nas olimpíadas a categoría de cuspir sementes de sandía tiña medalla segura! En canto acababa un anaco tirábaas sobre lombos e pernas a ritmo de fusil metrallador, imitando unha película de guerra que moito lle gustaba. Entre risas, faciamos por imitalo, pero disque levaba dentro o “aire veloz” da súa locomotora e nunca o dabamos conseguido. Tanto aire tiña que era capaz de asubiar polas orellas!

Cando lin Merlín e Familia souben o que buscaba aquel home toleándonos co xogo, igual que Felipe aprendéndolle á criada a cuspir carabuñas de cereixas, só por ver como poñía o bico: o meu veciño aproveitaba para botarlle o ollo ás mozas casadeiras. “Non entenden nada”, diría miña avoa ao saber as novas, fendendo co seu coitelo de gume fino outra sandía das que arrefriaban no alxibe. Podo imaxinar o pesar e o silencio no barrio só con pensar en froita sen carabuña, adeus aos xogos! 

Como boto en falta aquelas tardes de sol e risas molladas en zume de froitas frescas.