Outras corentenas

Na reunión de mulleres as nenas poñiamos a orella “ao servizo da escoita”

Finxiamos xogar , porque o interesante era atrapar triscos de conversacións, xaneliñas ao mundo dos adultos. Principalmente cando sentías aquilo de: “as silveiras teñen orelleiras”.

Había unha palabra que espertaba a nosa curiosidade: corentena; o xeito de dicila , as risas que a acompañaban, o borboriñar, ou virarse encarnado e tamén algún que outro berro de miña avoa.

Preguntamos o que quería dIcir, claro, pero recibimos a clásica ”xa o entenderás cando medres”

No medio dunha sesta de verán, uns murmurios raros chegaron da casa do lado.

Axexamos e vimos como saían á carreira gatos e cans.

Para min que polas xanelas saían paxarelas, pero as miñas primas aseguran que eran as cortinas que bailaban ao son de suspiros e laios .

Durante un bo anaco vimos como a casa abaneaba toda, mentres os adultos celebraban e aplaudían entre risas.

Contra a tardiña, vímola saír e o seu “refistolear” de cadeiras encheu o aire. A súa risada, pasaba por riba do abrollar da agua da billa comunitaria e das voces das veciñas que falaban todas á vez.

Ela botou auga por brazos e pernas, deixando que a súa pel resplandecente, fose cobizada por todas.

-Ese home teu non vía o momento en que acabase a corentena, non si?

Como di o outro, espetou ela: “quen quentura sente non pensa máis que na fonte”. Pero non se confundan: a que máis o celebrou fun eu, que me estaba quedando sen alegría.

Que ser nai é unha marabilla, pero ser muller… que festa miñas amigas!