Mala chispa te coma 2020
En finalizando o ano do “corralito” que botou tantos platenses polo mundo adiante, unha marca de cola fixo unha campaña publicitaria para Aninovo que nos quedou a todos gravada.
Principiaba dicindo “Un ano antes…”; deseguida víase unha casa grande, con patio central, plantas, flores e unha longa mesa, cuberta por manteis brancos bordados por varias mans.
Á porta da casa ían chegando coches vellos e motos, e, de cadanseu vehículo, baixaban parellas con nenos en bulideira harmonía. Todos eles dispostos con friameiras, caixas, bolsas…Apertas e bicos efusivos, bromas, adolescentes ofuscadas, primos con latas para meteren petardos…
Entre chuchas e paquetes, a avoa ía organizando a cociña. Namentres un tío encargábase do lume para o asado no patio. Unha estampa de postal hoxe en día.
Antes da medianoite, alguén garneaba :-“Che, traigan el champán!”. E comezaban as acusacións: o champaña, traíao fulano; non, tocábache a ti, a min, non!
Na repartición de cousas a traer, o elemento crucial para o brinde non estaba. As agullas avanzaban imparables cando, de súpeto, resoaba a voz da avoa no medio do caos:
-Brindemos con auga. Que mal pode vir?
Decontado a pantalla traía un fato de imaxes do calamitoso que fora o ano de despois do brinde. Acababa dicindo:
- Por se acaso, este ano o champaña poñémoscho nós na mesa, de galano.
Mentres amasabamos no forno comunitario o pan que nos salvou da fame, unha veciña afirmou que igual o que toca é entender que por pequeno que for, cada acto noso ten consecuencias. Sempre.
Construamos un ano novo mellor. Merecémolo!