Bo de vez

Comezaba o último día do ano subindo a un avión en Montevideo, para chegar á cea en Compostela coa outra metade do meu corazón. A auxiliar de voo díxome daquela que por puntos ou non sei que contos podía deixar o meu asento de turista e pasar á primeira clase, detrás desa cortina á que sempre lle botas un ollo cando sobes cargada cara ao sector da plebe, toda suada e enleada en fulares, bolsas de free shop e documentos. Ao me sentar naquela butaca tan ampla, arredei a republicana que levo dentro e sentinme raíña. Coma nos filmes melosos agasalláronme con champaña, uns canapés asinados polo Michelín que sae na nova lista de morosos de Facenda e varias revistas.

Horas máis tarde acordei coa algarada que viña da parte de atrás do avión. Unhas voces cantaruxaban a letra dunha charanga: “O mundo, efémero escenario/ de luciñas amarelas/ Retablo, ceo imaxinario/da nosa pobre marabilla”. Polo aire voaban papeis, nunha pequena parodia da zona vella marpratense, esa na que cada mediodía do 31 de decembro se lanzan desde os balcóns das oficinas calendarios vellos, follas contables e notas prescritas.

Alguén puxo un papel na miña man para que escribise unha arela para o ano novo. Crucei o charco bailando. Para variar, en Galicia chovía.

Mentres o avión manobraba gardei no peto da alma as moedas de cariño que viñan comigo. En terra, abracei o meu amoriño, mentres apretaba o papel que dicía “non o esquezas nunca”. Que o novo ano traia a pequena marabilla que soñades. Feliz 2022!