Labregos propietarios e labregos caseiros
Na familia por parte do meu pai eran labregos caseiros e por parte de nai propietarios das súas terras e emigrantes.
Na época dos anos 50-60 os labregos caseiros eran a clase social máis humilde, sen contar cos que non tiñan terras nin arrendadas nin de seu para traballar.
Os caseiros, como a miña familia, traballaban e vivían na casa dos "Señores" (propietarios da terra e do gando). Estes, que vivían na casa principal do "Señor", repartían as colleitas co amo e ademais eran os encargados de recoller a parte correspondente aos pequenos caseiros que traballaban para o mesmo "Señor".
Por un lado tiñan certos privilexios pero por outro tiñan un traballo que perpetuaba o sometemento deles ao "Señor" e dos pequenos caseiros ao caseiro maior.
Na casa da miña nai eran pequenos propietarios, donos das súas terras. As mulleres traballaban a terra e atendían vellos e nenos, o meu avó emigraba longas tempadas á Arxentina e cos cartos da emigración mercaba terras, horreo para o millo, apeiros, arranxos da casa e cortes, e deixaba algúns cartiños na casa par ir vivindo.
A historia da emigración seguírona tamén os meus tíos, primos e pais. Emigraron uns a Catalunya e outros a Euskadi. Alí tiveron a oportunidade de prepararse intelectualmente e exercer de obreiros cualificados, funcionarios ou pequenos empresarios.
Con este artigo quero que se vexa que na época dos meus pais os labregos eran a clase nacional da Galiza.
Vivíase do que daba a terra, patacas, verzas, fabas, trigo, millo, carne de porco que os becerros había que vendelos para arranxar a vida con eses cartiños.
Isto xurdiu dunha conversa coa miña nai falando deses tempos nos que non existía o estado de benestar e comer todo os días era unha tarefa complicada.