Bombeo hidroeléctrico: Naturgy e Iberdola engordan á nosa conta

As eléctricas Naturgy e Iberdrola teñen de novo no punto de mira á Galiza para aumentar a xeración de electricidade mediante bombeo para converternos en potentes megabaterías coa sobreexplotación da auga dos ríos. O bombeo utilízase como un almacén de enerxía, consiste en ter dous encoros conectados, un superior e outro inferior, onde a auga bombéase/turbínase, sóbese/báixase, pasando dun a outro en función de intereses empresariais, en función da demanda. Bombéase se baixa o consumo eléctrico, e diminúe o prezo da electricidade pola noite e os fins de sema, e turbínase e xérase electricidade nos días laborables nas horas punta de actividade e cando o prezo da electricidade é elevado.

Agora, anuncian –en prensa– que Naturgy investirá 350 millóns de euros nunha megabatería hidroeléctrica con central de bombeo de 350 MW, nos encoros de Salas e As Conchas na bacía do Limia. O bombeo non é para abastecer a Ourense ou á Galiza, pois sóbranos electricidade e exportamos máis da terceira parte da que xeramos, a electricidade abastecerá as cidades e industris lonxe de nós (Madrid...) e mesmo irá ás reformadas e ampliadas liñas de interconexión transfronteira de Portugal ou Francia, interconexións que no seu día esixiu e impuxo a UE a España. 

En realidade ocúltase que detrás do bombeo está a desculpa das eléctricas para prorrogar concesións que van caducando nos nosos ríos, concesións que de rescatalas polo público (Goberno/Xunta) irían no beneficio noso e non como agora, que engordan as eléctricas que teñen sede fóra. A prórroga de concesións e o bombeo é un novo exemplo de conivencia entre eléctricas -industrias amigas- e Goberno Español. No Plan de enerxía e clima do Goberno (Pnies), contemplan 3.500 MW de bombeo no Estado e as eléctricas de novo queren espremer aos ríos galegos. 

O bombeo Salas-As Conchas é un vello proxecto de Fenosa, hoxe Naturgy, contestado tamén dende o primeiro momento. No ano 2013, diversas asociacións presentaron alegacións e solicitaban que non se autorizara, razóns non faltaban: afeccións a especies protexidas (8 vulnerables e 5 en perigo de extinción dun total de 23), perda de calidade da auga, prexuízos para os habitantes e espazos naturais... Mais en maio de 2017, a Secretaria de Estado de Medio Ambiente declaraba favorable a Declaración de Impacto Ambiental e a multinacional segue con dous grupos reversibles de 180 MW cada un con liñas de alta tensión de 11,6 km de lonxitude e con máis de 10 km de túneles e central en caverna. 

Non importou para o Goberno, a Xunta e menos para Naturgy que o proxecto estea nunha área que toca ou rodea varias zonas protexidas e incluídas na Rede Natura 2000 como o Parque Natural Baixa-Limia-Serra do Xurés ou que parte da obra se quere asentar na zona de transición e zona tampón da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Geres-Xúres . 

Si Galiza xera máis electricidade, vai influír para ter unha tarifa especial para pagar menos o consumo ?, vai medrar o emprego permanente ?, atraerá novas industrias?..

Levamos dende o franquismo así, perdemos os nosos ríos e a sua riqueza, gañamos traslado de poboación, emigración, decenas de aldeas asolagadas (26 aldeas so no encoro de Belesar e un número maior nos Peares), miles de hectáreas das mellores terras agrícolas inundadas cun ecosistema alterado, perdendo vida e especies a vez que eutrofizado... 

Salas-As Conchas é un proxecto de Naturgy, dormen outros (Belesar-Os Peares...), e Iberdrola  ten en carteira a Conso II con 900 MW. Como titulaba días pasados un magnífico Editorial dun periódico de Ourense, necesitamos “Recuperar os encoros, para recuperar Ourense” e precisaba “agora aproban esas megaestacións de bombeo vendidas como un fito sostible cando en realidade son especulación –almacenar auga para soltala cando sexa máis rendible- en zonas ecoloxicamente tan sensibles como a Ribeira Sacra ou o Macizo Central. Mentres, outros países da UE están desfacendo encoros para deixar os ríos correr.