O cinismo de Núñez Feixoo

Afirma Núñez Feixoo que votar esquerda é votar "os pederastas, okupas e terroristas". Perdeu a careta de moderado. O cinismo preside as súas posicións políticas. Dous exemplos. Un en Galiza, cando retorna "amadrileñado" no 2006 como líder do PP, imposto por Romai contra os "da boina", Cuíña, Baltar (condenado no 2014 por "prevaricación continuada" na Deputación e Concello de Ourense), perde a batalla do control do PP ourensán e permite o pacto coa DO de Pérez Xácome, así os dous votos de DO entregan ao PP de Baltar a Deputación, herdada de Baltar pai ó fillo. Porén o partido mais votado nas municipais do 19 fora o PSOE, pero Feixoo entregou a alcaldía a D.O e seguiu a soster que debía ser a lista mais votada a que gobernase. Cinismo. Protexe a corrupción no Concello e na Deputación porque sen o PP de Baltar perdería a Xunta no 24. E agora Rueda abraza a Baltar. Outro no Estado, nas municipais. A estratexia é "un memorial de agravios" contra Sánchez. Converte as eleccións municipais e autonómicas na 1ª volta das xerais. Utilizando de maneira retorcida as listas das municipais dunha coalición electoral como Bildu, integrada por diferentes grupos. Sen respecto para as listas elixidas polas xentes de Euskadi, que sufriron tanto dun lado como de outro a represión e violencia.

Quizá non foi prudente presentar aqueles que cumprindo a súa condena, estiveron directamente implicados nos atentados, mais é o seu pobo quen decide. Recordemos, na transición participaron en listas con alta representacións xentes das dereitas que firmaran fusilamentos e represións sanguentas. A convivencia pacífica dunha sociedade require en moitas ocasións da xenerosidade. O PP de Feixoo cinicamente aproveitou esta ocasión para acusar a Sánchez de "favorecer mais os verdugos que as vítimas", para permitir as falsidades de Ayuso, corrixidas polos familiares das vítimas, para converter estas eleccións nas que a cidadanía agarda mellorar a vida cotián, a saúde, a vivenda, o medio ambiente, a espoliación de renovábeis na nosa terra.

Transformou as eleccións nunha batalla electoralista entre os dous partidos españois PSOE e PP no que Feixoo xoga o papel de moderado e legalista. É o rostro do cinismo.