Misas por Franco

A semana do 20-N comezaba cunha emenda ao Proxecto de Lei de Memoria Democrática, de autoría do propio Goberno. Presentada polos Grupos do PSOE e UP, propón que todas as leis estatais, incluída a de “Amnistía”, se interpretarán e aplicarán de conformidade co Dereito internacional, particularmente co “Dereito Internacional Humanitario”, que establece que os crimes de guerra, lesa humanidade, xenocidio ou tortura son “imprescriptibles e non amnistiables”.

Abriu o melón que as Asociacións de Memoria levan décadas sinalando: ou existe unha investigación penal dos crimes franquistas que, sen xénero de dúbida, entran dentro do ámbito de crimes contra a Humanidade, ou non existirá Xustiza, elemento esencial para garantir a Paz e a Reparación, e situar o Estado español no estándar democrático internacional. De feito, o relatorio da ONU sobre a impunidade do franquismo xa sinalaba que son incompatibles os efectos da lei de Amnistía coas obrigas en materia de Dereitos Humanos contraídas por España, precisamente, antes de que entrara en vigor dita lei, pois o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos foi ratificado en abril do 1977.

Non hai consenso no propio Goberno en se a emenda permite saltar a Lei de Amnistía e xulgar os feitos constitutivos de delitos contra a Humanidade, pero dende Amnistía Internacional ao memorialismo ou voces expertas como Martín Pallín levan anos reclamando o que a querela arxentina fixo viable: que se investiguen penalmente os crimes do franquismo. 

Xa se verá a valoración do Tribunal Constitucional de nova composición, mais, namentres, o 20-N amenceu con webs de medios independentes atacadas pola extrema dereita e con misas convocadas en honra da alma do “Generalísimo Franco”, con asistencia a unha delas do líder do PP, vergoña inconcibible en calquera Estado do contexto europeo ao que con tanto celo din querer parecerse os partidos “constitucionalistas”. 

Ata cando soportar este monte de vergoña e impunidade?