Jacobaltarismo

Collo prestado este título do termo empregado estes días nas redes sociais polo vicevoceiro do PSdeG, Pablo Arangüena. Jacobaltarismo, un nome que xa daría medo se collemos por separado a cada un dos seus protagonistas pero que xuntos representan o peor de tempos pasados, ou iso pensabamos!

Con este termo, Arangüena referíase ao triste esperpento político que está a padecer a cidade de Ourense por mor da irresponsabilidade e a desvergoña política do tándem Jácome-Baltar. Unha estafa á cidadanía artellada con todo o descaro e apoiada polo mesmísimo presidente Alberto Núñez Feixóo. Que quen non foi quen de gañar nas urnas ignore o mandato democrático das veciñas e veciños da cidade, teña repartido as cadeiras cun político cuxa honorabilidade deixa moito que desexar, e teña agora a ousadía de esixir que o candidato máis votado e líder socialista na cidade teña que se apartar é un monumental escándalo que sorprende, ou non, pase tan desapercibido nos faladoiros e medios do país.

Feixoo hai meses que ten na súa man sacar do caos a terceira cidade galega, pero en todo este tempo semella que non lle preocupa o máis mínimo a parálise e o desgoberno que sofren ourensás e ourensáns.

Primeiro o PP chegou a ese acordo letal colocando a quen foi terceira forza política nas eleccións municipais á fronte da Alcaldía a cambio claro, de blindar a dinastía dos Baltar na Deputación. Logo, o deslexitimado nas urnas Baltar, anuncia que en cinco minutiños se resolvería o cambio político se Rafa Villarino accedía a non ser candidato.  

En contraste, atopamos a Villarino, o máximo dirixente das e dos socialistas en Ourense e candidato máis votado que se amosou disposto a non ser alcalde e a poñerse ao carón doutro alcalde socialista para dar futuro á cidade.

Non abundan políticos xenerosos e desinteresados que poñan os intereses colectivos por riba dos individuais, así que só resta agardar que as cidadás e cidadáns tomen boa nota. 

Nun momento coma este que estamos a vivir, no que o fascismo xa convive entre nós con toda a complicidade mediática e política, sobran os motivos para rexeitar prácticas caciquís coma estas.