50 anos de loita e resistencia
O 27 de febreiro de 1976 proclamábase a constitución da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), no contexto dun réxime franquista moribundo que abandonaba a súa colonia tras asinar os vergoñentos Acordos Tripartitos de Madrid e como resposta á inminente invasión e ocupación do Sahara Occidental por parte de Marrocos e Mauritania, que obrigaron a unha parte moi importante do pobo saharauí a un éxodo forzoso.
Estes 50 desde a proclamación da RASD poñen en evidencia que o pobo saharauí é vítima da hipocrisía da comunidade internacional, que invoca o dereito internacional cando lle convén, mais abandónao cando entran en xogo intereses económicos, enerxéticos ou xeoestratéxicos.
A soberanía sobre o Sáhara Occidental pertence en exclusiva ao pobo saharauí, tal e como o estableceu a Corte Internacional de Xustiza da Haia na súa sentenza de 1975, ratificada por múltiples resolucións da ONU e sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
A pesares do relato imperante, este recoñecemento mantense na última resolución 2797 do Consello de Seguridade, adoptada en outubro de 2025, que aínda que menciona a proposta de autonomía marroquí como "base" para as negociacións, o texto final da resolución mantivo a obriga de acadar unha solución que garanta "a autodeterminación do pobo do Sáhara Occidental.
A comunidade internacional leva medio século incumprindo as súas propias resolucións, e o Estado español e a Unión Europea forman parte desa complicidade estrutural; mostra é o aliñamento actual do goberno de Pedro Sánchez apoiando o plan de autonomía marroquí como a "base máis seria e crible". Pola súa parte a UE, a pesar de que o Tribunal de Xustiza da UE ten ditaminado que os acordos pesqueiros e agrícolas con Marrocos non poden incluír o Sáhara Occidental sen o consentimento do seu pobo, fan caso omiso, renovando acordos que lexitiman o espolio dos recursos saharauís.
A impunidade que outorga o contexto xeopolítico, o Sahara Occidental é unha peza chave no control do Sahel, e Marrocos no de Oriente Medio, permítelle a este mesmo, seguir coa ocupación ilegal que ten como consecuencia que a metade da poboación saharauí sigue vivindo en campos de refuxiados no deserto alxeriano de Tinduf, soportando condicións meteorolóxicas extremas e dependencia humanitaria, mentres que o resto sobrevive baixo a ocupación ou dispersa no exilio.
Ao longo destes cincuenta anos, xeracións enteiras sufriron persecución, tortura, desaparicións forzadas e encarceramento por esixir pacificamente os seus dereitos. O saqueo dos recursos do Sáhara Occidental é unha constante, os fosfatos (vitais para a agricultura global), pesca, auga, enerxías renovabéis... en flagrante violación do dereito internacional, coa complicidade de empresas e gobernos europeos.
A pesares das enormes dificultades a RASD e a Fronte Polisario, como lexítimos representantes do pobo saharauí, dedicaron estas cinco décadas a construír un Estado en condicións extremas, a traballar activamente para que a súa loita non sexa esquecida, enterrada nun muro de silencio, a manter a súa estratexia de resistencia baseada na existencia dun Estado organizado, a oposición á normalización da ocupación e a esixencia incansábel dun referendo de autodeterminación que lle permita decidir ao pobo saharauí, e só a el, o seu futuro.