Macron

O presidente francés voltou ao Elíseo defendendo un discurso multipolar logo da conversa nun bucólico e non-metafórico xardín cantonés co camarada Xi Jinping; rapidamente foi transversalmente reprendido polo euro-centrismo, vella ideoloxía dominante das elites continentais, como ensinou Samir Amin. As rúas no país galo continúan ardendo ao ficar alí unha clase asalariada e sindical consciente de que loita polos dereitos da maioría contra os galopantes abusos do Capital.

Von der Leyen, ignorada, fíxoo en voo regular e a Borrell veuno visitar a escusa da Covid para anular a súa viaxe ao xigante asiático, que non recoñece como interlocutores válidos a estes dous epítomes da anti-diplomacia e (amortizados) representantes das institucións comunitarias. Para tratar algúns asuntos fano directamente con Washington, e aforran tempo.

Porén, albergan esperanzas en que á maior potencia atómica de Europa Occidental lle reste un mínimo de siso e de pragmatismo gaullista evitando verse involucrada de cheo nunha terceira Gran Guerra por exercer seguimento cego dos aliados da outra beira do Atlántico, aparentemente dispostos a seguir alimentando o caos sistémico con máis caos con tal de apurar as posibilidades de manter un status severamente contestado desde múltiples frontes, o que exemplifica o fracaso dos ideólogos neo-conservadores da súa política exterior nas últimas décadas.

Propón converter a UE nun "terceiro polo" entre o duo-polio que delimita a nacente Nova Guerra Fría sino-estadounidense, sorteando o asignado rol de "vasala". Autonomía estratéxica que emendaría o papel xogado no ano último respecto ás relacións coa veciña Federación de Rusia, coa que necesariamente haberá que re-construír algún día a seguridade colectiva; e non contra ela. O goberno ultra polaco, un crecente perigo superposto á inestabilidade (e correa de transmisión dos intereses anglo-estadounidenses), considerouno publicamente "pro-chino": ou coas ultradereitas polaca e ucraína ou contra elas.