Prospectiva

A ciencia da prospectiva ou da conxectura foi unha eficaz arma no arsenal da guerra fría cultural e foi usada como unha sorte de contrapeso ao que entón se entendía, ao meu ver erroneamente, como superioridade soviética na arte da formulación central. O máis ilustre da intelectualidade do bando vencedor de tal guerra dedicouse de pleno ao cultivo de tal disciplina. O francés Bertrand de Jouvenel foi un dos seus primeiros cultivadores iniciais pronto complementado por científicos sociais americanos ao servizo do goberno e dos seus servizos de intelixencia e propaganda, como o infame e intelixentísimo Hermann Kahn, teórico da guerra termonuclear ou Daniel Bell logo célebre polas súas teorías sobre a fin das ideoloxías e a sociedade postindustrial. Estes autores gustaban de deseñar escenarios futuros e de facer proxeccións de tendencias sociais e económicas a longo prazo. Quizais o libro máis célebre desta escola sexa o famoso O ano 2000, feito a fins dos anos 70, coa autoría parcial do referido Kahn. Nel predinse tendencias de todo tipo dende a economía ata a poboación, incluíndo escenarios de posible guerra atómica entre as dúas superpotencias da época. Non debía ter moita confianza nos seus esforzos pois predicían para ese ano unha Unión Soviética robusta e con capacidade de confrontar o imperio norteamericano.

Pero, polo que sabemos hoxe, as intencións deste tipo de estudos non eran simplemente académicas ou de confrontación teórica co marxismo-leninismo senón que tiñan unha función moito menos elevada, e esta era a de condicionar as decisións políticas no presente. Toda a política de creación de modelos futuros o que pretende é facer que as persoas do presente acepten como algo inevitable ou incluso como algo bo as decisións dos gobernantes do momento, sexas estas cales foran. Trátase sempre de anticipar ou evitar algún mal futuro ou de acelerar a chegada dalgún ben tamén futuro, pero para acadalo faise necesario comezar a facelo a día de hoxe e, canto antes, mellor, pois a anticipación conseguirá o fin previsto cunha maior seguridade. Os escenarios que formula o IPCC sobre o cambio climático son un bo exemplo de como políticas orientadas ao futuro fan sentir os seus efectos xa a día de hoxe. Estes modelos de prospectiva tamén nos dan boas pistas de cales van ser de forma case inmediata as preferencias de política dos gobernantes.

O presidente Pedro Sánchez presentou estes días o seu propio proxecto de prospectiva, neste caso orientado ao ano 2050, supoño que con pretensións semellantes ás dos seus antecesores, as de facer un exercicio intelectual e, sobre todo, a de comezar a condicionar as políticas do presente. Os temas son os habituais, isto é reflicten as preocupacións de hoxe non as do futuro, economía verde, dixitalización, envellecemento etc. Pero hai un tema novo, que non sei se coincide coas preocupacións de Bill Gates e seus socios que seica teñen investido moitos cartos nel, o da cuestión da carne sintética. Despois do ataque aos carburantes derivados do petróleo parecería lóxico continuar polas outras fontes de emisión de gases causantes do quecemento climático e o gando é sen dúbida unha delas e non das menores. A prospectiva de 2050 o que fai é comezar a sinalar a gandaría como unha inimiga do clima para ir concienciando a poboación da necesidade de tomar medidas. Logo virán as regulacións e as prohibicións ata conseguir a súa desaparición ou cando menos a súa estrita limitación. Avisados estamos, que non nos colla por sorpresa despois.