Que día é axeitado para facer folga?

Non sei, Maria e Vicent, se no calendario laboral dos vosos pobos tedes especificados os días de folga, como adoitan estar marcados os domingos e festivos, é dicir, se antes de que comece o ano os vosos gobernos (a Xunta e a Generalitat) teñen decidido e notifican que días do ano poden facer folga os cidadáns. No calendario laboral dos gobernos do noso pobo non se especifica esa información. É unha pena, porque sería moi práctico para evitar algunhas discusións absurdas: que dia é axeitado para facer folga?

Os principais sindicatos do ámbito da educación de Araba,  Bizkaia e  Gipuzkoa –Steilas, CCOO, LAB e  ELA– convocaron unha folga para o 25 deste mes. Cumprindo co guión das películas anteriores, a resposta do Goberno Vasco non tardou en chegar, sen mudar nin unha coma do guión: “Non é momento para facer folga”. Son palabras do lehendakari Íñigo Urkullu.

No Parlamento Vasco están na fase previa do debate sobre a que será a Lei de Educación, e os partidos políticos, os axentes do sector educativo e os expertos levan meses traballando. Os sindicatos cren que nesa fase non se lles permitiu participar como merecen, e mediante a folga queren lograr que se tomen en conta as peticións dos traballadores. É significativo: os sindicatos que normalmente viven dándose as costas, uníronse para a convocatoria.

“Non é momento para facer folga”, ese mantra repítese sempre, cada vez que se anuncia unha folga. Como o día segue á noite. Para as administracións e as direccións, as folgas das fábricas sempre se convocan en momentos inapropiados. Cando a economía vai ben, porque prexudica á aceleración da economía, e cando a economía vai mal, porque a folga provocará que a empresa afunda para sempre.

Entón, cando é o momento máis apropiado para facer folga? Segundo o que din algúns, nunca. Antes disimulábano dicindo antes de dar a súa valoración: “Facer folga é un dereito que hai que respectar, mais...”.

Agora, nin iso.