Catálogo de afectos

A soidade non escollida adereza gran parte das patoloxías avaliadas nunha consulta de atención primaria. A pandemia veu a erguer novos muros que alimentan o paradoxo; nunca estivemos tan conectados e nunca nos sentimos tan solitarios. Se a saúde se define dende unha perspectiva biolóxica, psicolóxica e social, é doado entender de que maneira puideron influír no estado da mesma os confinamentos, o medo, a inseguridade laboral, as incertezas e as perdas. A dificultade para acceder aos recursos sanitarios públicos, cunha atención primaria anegada e uns servizos de saúde mental precarios, tan só agravou a imposibilidade de dar unha resposta axeitada a un problema de primeira magnitude. As consecuencias aínda non están cuantificadas mais intúense. Os cadros ansioso-depresivos, o consumo disparado de psicofármacos, as múltiples somatizacións ou o diagnóstico tardío de enfermidades que comprometen a vida aumentaron grazas ao ruído de fondo da  incomunicación que provoca o non verse a pesar dos teléfonos e das pantallas.

O illamento tivo tamén unha importante incidencia na dinámica social mudando condutas e alimentando atonías. Foi esta unha boa nova para os poderes que prefiren respostas individuais fronte a decisións que impactan nos dereitos de todas, e tamén para os que temen as reflexións que nacen da análise colectiva. As propias redes sociais, paradigma de espazo compartido, convertéronse nun emisor de múltiples opinións de todo a todas horas sen marxe para a dúbida ou o matiz. 

Os tempos que vivimos urxen unha contestación en común, pero dificilmente poderemos dala se antes non reconstruímos os nosos espazos de socialización máis próximos. Para ateigar as rúas de respostas cómpre antes expresar as querenzas, investir tempo nas amizades, atopármonos na praza, escoitar dende o respecto ao diferente, exercer a fraternidade, alixeirar o mundo virtual e actualizar o noso catálogo de afectos. Para recuperar as razóns dunha loita conxunta é preciso antes saber que non estamos soas.