Vellas aos 40?

Hai tempo que teño a práctica de gardar nunha aplicación do móbil os enlaces a artigos que me parecen interesantes porque poñen de relevo os esforzos das mulleres por romper cos estereotipos que nos impuxeron en herdanza. Alí están as voces das mulleres que, como Anna Freixas, rompe o escaparate das librarías co seu libro Yo, vieja. Na entrevista que lle concedeu a Javier Becerra repite reiteradamente a palabra vella, algo que fai "intencionadamente para desestigmatizala". Freixas non quere ocultar a súa idade, non quere someterse a tratamentos de beleza para parecer máis nova, está orgullosa de ser vella e "sobre todo, ser vella e poder parecelo... cos signos da túa idade... É dicir, as túas engurras, as túas canas, o teu corpo..." A nosa vitoria contra o tempo. Porque iso significa envellecer.

Cada vez somos máis as mulleres que tentamos mostrarnos tal e como somos, sen colocar sobre nós unha máscara de perfección como aconteceu co busto de Nefertiti. Mais, está preparada a sociedade para asumir esta reivindicación? Ou seguimos estando nos tempos en que as dependentas de máis idade deixaban de estar de cara ao público, substituídas por mulleres máis novas que superaron a entrevista laboral porque non tiñan fillos, nin pretendían empreñar?

Noutro deses artigos que gardo atopo unha resposta. Non. Dío a actriz americana Kelly McGillis que non rodou a secuela de Top Gun como outros actores da película do 86. Prescindiron dela por aparentar a súa idade. E logo están as críticas que provocou nas redes o titular de El Mundo: "Beyoncé aos 40: fíxose demasiado maior a raíña mundial do pop?", no remate do pasado xuño. Na mesma nova podemos ler tamén que a cantante ten que "aproveitar os últimos lampexos da súa etapa de plenitude física" ou que "ten que demostrar como pilota a súa transición cara á madurez". Vale! Era iso! Temos que demostrar que podemos facernos vellas sen parecelo!

Que tristeza e que infelicidade non ser quen de romper o molde do patriarcado.