Orzamentos contra a violencia

Este 25 de novembro volvemos ás rúas, despois dunha semana de accións para concienciar e educar para erradicar unha violencia que teima en vir contra nós. Unha violencia, simbólica, institucional, médica, da que todas acabamos sendo vítimas cando o trato que recibimos acaba por agredirnos ao non garantirse a nosa dignidade ou os nosos dereitos, por sermos mulleres. Violencia que, para ser combatida, precisa de orzamentos.

Estes días non paran de falar da protección da muller. Por mor da nova lei. Esa que o PP acaba de converter no albo dos seus dardos. No Congreso de Madrid, con actuacións estelares de demostración de machismo nas bancadas, ou no de Galiza, en que as deputadas do PP falan de leis chafalleiras e de saída en masa da cadea de agresores sexuais. Unha pode chegar a pensar que estas deputadas e deputados que se laian da desprotección das súas fillas están verdadeiramente preocupados e completamente implicadas na loita contra a violencia. Poderíase pensar iso, si.

Mais no mesmo día en que pola mañá atacaban o goberno central por non facer ben a lei, pola tarde votaron en contra dunha moción do BNG que propoñía destinar a combater a violencia contra as mulleres o 1% dos orzamentos do ano 2023. Pareceralles moito o 1% para un problema que, lonxe de diminuír, case que se duplicou nos últimos dez anos tal e como fixo público o Colexio de Procuradores de Vigo?, e que neste ano 2022 supera a todos os anos anteriores en número de denuncias? 

Ese mesmo día publicaban unha nota en que presumían de que os orzamentos destinados ás vítimas da violencia aumentaban un 14,5%. E falaban dos Centros de Información á Muller, eses en que as traballadoras están a tempo parcial (menos salario, menos cotización), sen capacidade de acometer todas as tarefas que deberían cumprir. 

Eles, que teñen altofalantes, vociferan contra os outros, alardean do pouco que fan como se fose moito, mentres, na práctica, desatenden. Esta é a súa política, tamén para erradicar a violencia.