Termar dos nomes

Somos os nomes que nos damos ou nos deron. Somos os nomes dos lugares onde se desenvolve a nosa vida, os camiños que percorremos, os ríos que cruzamos, os vaos, as agras, os soutos, os areais, as camposas. A nosa identidade está conformada por eses topónimos que ás veces damos por supostos sen lles prestar atención. O patrimonio en nomes de Galicia, máis de 400.000 rexistrados, non ten igual no mundo. Porén iso é só unha parte dos dous millóns de microtopónimos que, segundo se estima, inzan o país. Memoria prendida en palabras, transmitida de boca a boca, como alimentan os paxaros as crías. Memoria que persiste malia desaparecer o nomeado. Os ventos continúan ouleando na Porta Ventosa, na parroquia de Toba, aínda que a uns pasos dela poucos carballos quedan nos Carballases: fica o nome. Tallo do Vao, unha leiriña, lembra o lugar onde se dividía a auga entre varias casas, mesmo se hai décadas que non se fai a distribución. Nas cidades o cemento achandou leiras e campías, mais non debería guindar os nomes ao esquecemento. Teimo na preservación dos microtopónimos desde hai anos, mais é unha loita desigual. A rúa de Compostela na que vivo levaba o fermoso nome de Tras Espiñeira, até que un alcalde con delirios de grandeza o mudou polo dunha importante cidade que levan ducias de rúas no mundo. Noutros casos a deturpación ao castelanizar trastornou o significado, como ocorre con Rego de Auga na Coruña, "traducido" como "Riego de Agua" que carece de relación cun suco.

Para gardar esa memoria, ese tesouro lingüístico, non temos moito tempo. As persoas capaces de dar nome ás corredoiras, campías, regueiras e camiños adoitan ser as máis anciás de cada lugar. Manuel Lorenzo Baleirón, autor dunha recolleita en Dodro e Laíño di que "os nomes duraron máis que as pedras". Certo, mais os nomes ficaron nas linguas da xente, e deben ser rexistrados para perdurar. Precísase un esforzo colectivo e tal é o propósito da campaña 'Toponimízate: Falámosche dos nomes da túa terra', unha iniciativa do Seminario de Onomástica da RAG, que percorre o país para organizar a cooperación popular na recollida de microtopónimos a través da plataforma Galicia Nomeada. Desde 2019, malia as interrupcións causadas pola Covid, máis de 2.690 persoas achegaron topónimos desde os lugares "onde só queda alguén pra aguantar dos nomes", en palabras de Uxío Novoneyra. Termar dos nomes, termar da memoria, un empeño que nos une.