Guerras e paz

Sendo estudante na Complutense participei nas protestas contra a guerra do Vietnam. Lembro un acto en Políticas no 1967 e protestas lóstrego, durabamos pouco na rúa. Do lado do Viet Cong e contra o imperialismo dos Estados Unidos. O programa de intervención de Kennedy chamábase MAAG (Military Assistance Advisory Group); o intercambio das últimas letras dá o MAGA de Trump. Anos despois contra a guerra do Iraq; contra Marrocos, a favor dos saharauís; contra Israel, a favor de Palestina, e contra Putin, a favor de Ucraína.

A idea detrás da oposición aos invasores é o dereito dos estados á integridade territorial e á independencia política: artigo 2 da Carta das Nacións Unidas, en todo caso un principio democrático. Os invasores e os que inician guerras adoitan procurar escusas para apropiarse de parte doutro país: fíxoo o Imperio Español en América co pretexto de levar a relixión e a lingua, e Israel apelando ao atentado de Hamas do 7 de outubro, condenábel mais que non pode xustificar o xenocidio que está cometendo en Palestina. En Ucraína Putin alega a ampliación da OTAN e a auto-proclamación de dúas rexións do Donbás. Aínda que houbese erros da OTAN, iso non pode xustificar unha invasión, incumprindo o acordo de 1990 polo que Ucraína entregou os mísiles nucleares. Nestes días Trump deixou claros os seus motivos: aliado con Putin, queren apropiarse das terras raras –litio–, das que Ucraína posúe grandes recursos. 

Queremos a paz. Mais cando os matóns como Trump falan de paz, lémbranme aos “40 anos de paz” de Franco, que significaban represión, cárceres e mortes. Trump está desmontando as institucións do seu país, e atacando as internacionais, a súa man dereita é un ultra dereitista, somete a censura os medios, expulsa inmigrantes. Putin non só censura, mata os opositores. Credenciais democráticas, ningunha. A paz debe respectar os dereitos do pobo invadido.