A falacia da castidade

Hai quen cre que se non fala das cousas estas deixan de existir; nuns casos é a corrupción, ou “ese señor do que vostede me fala”, noutros son os abusos a menores nos colexios relixiosos e, en xeral, por parte do clero. En Galicia publicáronse recentemente máis datos sobre catro irmáns Maristas de Vigo, xa falecidos, entre os anos sesenta e oitenta. O escurantismo e os intentos de agochar os feitos foron causa de que un deles, tras algunha denuncia en Vigo, fora dar clase aos colexios de Ourense e A Coruña onde continuou acosando. As testemuñas son elocuentes, tocaba as rapazas, masturbaba aos rapaces, subía a nota aos que accedían ou non protestaban, baixábaa aos que non consentían. A orde pediu perdón ás vítimas e, segundo informou Nós Diario, abrirá unha investigación sobre os abusos.

Debido a esa crenza en que ao non falar de asuntos desagradábeis estes acabarán por desaparecer, as autoridades non consideraron de momento a necesidade de facer públicos os datos sobre abusos relacionados coa Igrexa. Segundo El País, que leva a súa propia base de datos, en España hai 316 casos coñecidos –deles 12 en Galicia– e 826 vítimas, aínda que probabelmente o número sexa máis elevado. Pois noutros países ben o goberno, en Australia, ben a propia Igrexa, en Francia, emprenderon investigacións que revelaron en Australia decenas de miles de casos de abuso sexual infantil, a meirande parte en institucións relixiosas, e en Francia dez mil.

Nin todos os curas cometen abusos sexuais, segundo o estudo máis rigoroso serían o 6%, nin todos os que os cometen son curas. Porén, non se pode obviar a forma en que a Igrexa católica entende a sexualidade. No canto de contemplala como unha parte da vida das persoas, necesaria para o seu desenvolvemento e para unha vida plena, a súa doutrina considéraa como engados do Maligno. Especialmente as mulleres encarnan a tentación, cuestión que precisaría outra columna para ser tratada. A Igrexa segue predicando oficialmente a castidade, ou abstinencia sexual, para todas as persoas, excepto dentro do matrimonio e con fins de reprodución. Demandar o celibato a curas e monxas é absurdo e vai contra a natureza humana; no caso dos homes, o estudo de Sipe encontrou que, ademais do 6% que abusaban de menores, o 80% se masturbaba e o 50% mantiña relacións adultas, fosen homo ou heterosexuais. A natureza non se deixa enganar e sería bo recoñecer que a sexualidade existe.