Como ser do Celta e autodestruírse

O Celta ten unha afección preocupante. Vivindo no continuo desánimo e a negatividade, é incapaz de xerar ilusión e albiscar esperanza algunha cando o equipo recibe as primeiras malas novas da tempada. En dous partidos a situación parece tan preocupante que a loita por non baixar a Segunda é agora o obxectivo prioritario cando hai dúas semanas a Europa League semellaba cousa feita. O fácil sempre é botar a lingua a pacer. Autodestruírse moito. Mal empezamos.

 

En dous partidos, o Celta amosou moitas das boas cousas ás que está chamado esta tempada, pero tamén os malos 'hábitos' dos que debe fuxir. Pero as présas nunca foron boas conselleiras. A pesar de ter case o mesmo equipo, o Celta é aínda un equipo en construcción. E como equipo que se está a facer precisa de tempo, traballo e paciencia. Só levamos dúas xornadas de liga, debemos ir amodo. Sen sacar conclusións demasiado catastrofistas. Certo é que as dubidosas rutinas defensivas teñen que comezar a solucionarse porque o equipo, máis que moitos, deixa a defensa demasiado exposta. Iso é un feito irrefutábel pero xerar dinámicas negativas é perigoso. Nin estamos xa en segunda, nin antes estabamos na Champions, nin agora estamos nunha situación desastrosa.

 

O fácil sempre é botar a lingua a pacer. Autodestruírse moito. Mal empezamos.

 

É certo que hai xogadores aos que aínda lles quedan uns 'puntiños' para estar ao seu mellor nivel pero ás boas novas siguen chegando da man de Maxi Gómez, que leva camiño de ser o goleador celeste esta tempada. Non todo é malo nin da magnitude negativa na que algúns queren situar a imaxe do equipo. Digamos que estas primeiras xornadas foron unha chamada de atención razoable e necesaria. Persoalmente eu non vin no terreo de xogo ao equipo que viron moitos dos agoireiros que estes días enchen as redes sociais. Contra a Real Sociedad, o Celta non mereceu perder, tivo mala sorte e foi durante a maior parte do encontro superior pero, si, eses fallos en defensa axudaron ao reultado final. A imaxe do equipo foi, en liñas xerais, boa. É certo que no partido do sábado, especialmente na segunda metade, o Betis dominou a maioría do encontro máis do que o Celta, que non foi quen de aproveitar o seu momento na primeira metade para 'matar' o partido. Aínda así non vin un equipo desfeito e non entendo o continuo machaque dunha afección que vive ancorada en adestradores que xa non son ou en xogadores que non virán. O mellor que lle pode pasar ao equipo nestes momentos é que a súa afección sexa quen de animalo sen condicións. O tempo de preocuparse está adiante. O de apoiar e animar é agora.