Vías de entrada

O imperialismo cultural produce ás veces fenómenos curiosos. Por exemplo, para a xente da miña idade todo iso do Halloween non eran máis que referencias de películas estadounidenses das que nos enchiamos alá polos anos oitenta. A invasión de produtos culturais anglosaxóns e, sobre todo, norteamericanos, produciu unha gran cantidade de anomalías que aínda a día de hoxe seguimos experimentando. Era moi doado, naquel tempo de Guerra Fría, entender que os rusos eran os malos (logo pasaron a ser "os árabes"), que os extraterrestres sempre invadían Nova York e os heroes o seu trasunto, que a violencia policial era unha normalidade xustificada ou que os ex militares sempre debían recibir respecto polos seus sacrificios. Toda esa masa que se denominaba "cultura popular" estaba totalmente enraizada nuns valores ante os cales tiñamos que amosar total submisión.

Porén, conviviamos naquela altura tamén con outra "cultura popular", coas das nosas avoas e avós, coas das tradicións familiares de zonchos, de magostos, de castañas. Persoalmente, nunca souben de pequena o que era o Samaín, o cal non quere dicir que non existise nos espazos que transitaba, igual que, sen sabelo, o meu avó mantiña viva a tradición do Apalpador cando nos envolvía un chourizo cun billete de cen pesetas durante o Nadal. A nosa cultura popular, moi a diferenza da norteamericana, ficaba agochada e latexante, oprimida e asfixiada por tantas décadas, cando non séculos, de marcala como algo atrasado e irrelevante. Por iso, por moito que na miña familia paterna ancaresa, como penso que en gran parte do interior de Lugo, as cabazas, igual ca o millo, fosen para dar de comer aos animais, ignoro se noutro tempo existiu a tradición de decoralas. O que si existiu, claro está, é o afán por falar de aparicións e fantasmas que tan ben reflectiu, por certo, ese autor tan abandonado que é Ánxel Fole e que penso que debería ser lectura obrigatoria cada entrada no mes dos santos.

Estou certa de que hai moitas outras tradicións galegas, máis ou menos antigas, que conectan con lugares do mundo de posicións menos hexemónicas e que nos axudarían a unha convivencia máis interesante e harmónica con quen chega doutros lugares a vivir connosco. Sen películas nin aparatos publicitarios, só as persoas podemos interesarnos desprexuizadamente no día a día polas tradicións de todas as crianzas das nosas escolas e das veciñas doutras latitudes.