O pensamento que sementa

Asemana pasada falecía o teórico queniano Ngũgĩ wa Thiong'o. O pasado 7 de maio concedía unha entrevista na que afirmaba: "En Kenia mesmo hoxe temos crianzas e familias que non saben falar as linguas maternas... Están moi contentes cando falan inglés e mesmo aínda máis contentes cando as criaturas descoñecen a lingua materna. Por iso falo de colonización mental". Esta cita resumida da teoría que expuxo por primeira vez no ano 1986 tras pasar pola cadea (e polo exilio ata o ano 2002 por defender, entre outras cousas, a lingua do seu pobo, o kikuyu) non pode máis que ecoar na experiencia de calquera persoa galega comprometida co noso idioma.

Tamén entenderiamos con facilidade a valentía dun autor que, chegado un momento, decidiu non escribir máis en inglés e defender que precisamente o "político" era expresarse na lingua colonial. A ninguén pode chamar a atención que lle desen o Premio Nobel a Wole Soyinka, compatriota e escritor anglófono co que mantivo acedas disputas a este respecto, e non a el.

Wa Thiong'o só ten unha obra traducida ao galego (dende o inglés por Xosé Álvarez Alonso), publicada pola editorial Galaxia no ano 2019 co título A revolución vertical, mais penso que o seu ensaio Decolonising the Mind: The Politics of Language in African Literature non é só lectura obrigatoria para atopar paralelismos entre a nosa situación e a dun escritor, falante e activista das linguas autóctonas africanas, senón sobre todo para interrogarnos sobre a nosa participación como pobo nestas estruturas. Unha reflexión de evidente relevancia é entender ata que punto a alianza da poboación galega coas linguas colonizadoras (o castelán e o portugués) tivo un impacto que segue a manterse na actualidade en tantas vidas en tantos lugares. A maiores, tamén é significativa a prevalencia destas estruturas na incomodidade que nalgúns espazos da literatura galega provoca facer visible a complicidade coas estruturas do racismo.

Esta semana na que o Goberno galego se opuña activamente a que o galego fose lingua oficial na Unión Europea, ambas visións conflúen na memoria deste autor que buscou incomodarnos para provocar un cambio. A súa vida lémbranos que erguer a voz moitas veces nos exclúe de sermos "populares" nos círculos de poder, pero que a escrita ao final só ten sentido como un xeito de participar en sociedade que promova un pensamento crítico contra os valores dos poderosos.