O negacionismo

Se ben o ordenamento xurídico español é aínda deficiente á hora de definir e abordar a violencia de xénero, non podemos negar que a introdución de cambios lexislativos foi un dos momentos máis importantes do traballo dos feminismos no Estado. Chegar a unha lei é importante non só polo que se consegue, senón polo proceso social precedente, que abre debates e axuda a afinar definicións.

O feito de que a violencia de xénero sexa un concepto xurídico é o resultado dun enorme esforzo teórico e activista de multitude de mulleres organizadas en todo o mundo. Só así podemos poñer no primeiro plano que a violencia de xénero non é un conxunto de feitos illados, senón o resultado dunha estrutura social desigual que parte da socialización diferenciada de homes e mulleres, nas definicións pechadas destas categorías asignándolles un suposto valor biolóxico, nas desiguais expectativas ante corpos e "performatividades", no establecemento dun sistema onde o masculino está sempre por enriba do feminino.

A violencia de xénero, xa que logo, non é algo suxeito a crenza, senón a realidade mesma da estrutura patriarcal no día a día que vomita cada ano números de vergoña. No 25-N que está ás portas teremos a oportunidade de volver escoitar falar de todas as formas nas que esta estrutura que todas construímos e contra a que moitas, por fortuna, nos rebelamos, fana a vida de tantas mulleres coa morte, a última delas unha veciña de Baiona a semana pasada. Mais os asasinatos, os golpes, os desprezos, as violacións, a sobrecarga dos coidados, a fenda salarial son cuestións que, no padecemento individual, forman parte do padecemento colectivo dese suxeito político que denominamos, na nosa diversidade interseccional, as mulleres.

Tras todo este traballo do que moitas formamos parte, resultan transcendentes os pasos axigantados do chamado "negacionismo de xénero". Non vou dicir que este fenómeno sexa sorprendente, pois sabemos que o patriarcado ten unha alta capacidade de mutación e de penetración en espazos nos que facerse forte. Nun tempo de fake news e extrema dereita, por suposto que esta tendencia era de agardar. Tamén, o efecto reactivo ante o avance daquelas que seguen querendo poñer no lugar do adorno, do obxecto. Por iso é agora máis importante ca nunca traballar nese sentido. A campaña do 25-N do Concello de Compostela penso que acerta de cheo no problema. Porque se hai algo que negar é a inacción.