Ningún traballo é perfecto
Esta semana, no Día da Poesía, a Real Academia Galega faille unha homenaxe a María Xosé Queizán. Como diriamos popularmente, sen tempo non era. É incrible que unha autora da súa transcendencia non atopase un acomodo máis axeitado na institución.
Por fortuna, ningún silencio é eterno cando hai un traballo sólido detrás. Por moitas diverxencias que poidamos ou puidésemos ter coas posturas sempre provocadoras de Queizán, non pode negarse a valía da súa voz en tempos ben máis hostís (aínda) para as autoras ca este o presente. O seu exemplo de resistencia, de ideas propias e de irreverencia debe servirnos de inspiración para non deixar que os reloxos dean marcha atrás e para non esquecer en beneficio de quen van sempre eses "atrasos".
Decote defendo que unha achega honesta á obra dunha autora ten que facerse sen afán de haxiografía, porque iso nada bo fai ao potencial vizoso dos textos, mais cando falamos das persoas non hai dúbida de que hai procesos de reparación que son necesarios. Porque para involucrarse cos textos primeiro hai que recoñecer que existen e tamén cómpre analizar por que algunhas voces que abriron debates dos que todas agora nos beneficiamos, non atoparon o recoñecemento que merecen. Cómpre non perpetuar o agravio, antes de nada.
Por iso esta homenaxe a Queizán na que se nos pediu a algunhas persoas que buscásemos poemas e, de maneira breve, indicásenos a motivación da nosa opción, non pode ser máis acaída: na escolla está o texto e a persoa. Eu elixín "E o verbo fíxose carne", un poema publicado no ano 1991, que fala do poder da palabra e do corpo, da complexidade de rachar co ditado patriarcal que separa ambos espazos e que crea un para os homes e outro para as mulleres.
En 1991 eu tiña dezaseis anos e non sabía nin sequera o que era o feminismo máis que coma unha intuición mal comunicada e ben pouco presente nos textos que lía e que se nos daban a ler. Naquela altura, ler estes poemas, aos que eu cheguei moito máis tarde, seguramente me axudaría a avanzar moito máis axiña no meu entendemento do poder e da xustiza.
Por iso nesta homenaxe hai un sentido ulterior, que é o de axudar a outras a facer o camiño e a sementar a leira dos dereitos na que nunca podemos deixar de traballar. Porque, por suposto, ningún traballo é perfecto, mais mal traballo é o que non sei fai e peor aínda (por ironizar coa frase esa de falar galego) o que non se valora.