Unha ecografía de aniversario

Por moito que o título desta columna poida parecer unha inspiración metafórica, desta volta vou falar de maneira literal, basicamente porque o pasado 3 de agosto, o día que facía cincuenta anos, rematei no hospital por un problema que dende hai un ano me provoca dor abdominal. A única maneira de poder entrar na vía de solucionalo é partindo dunha ecografía que, malia as visitas a urxencias, consultas coa médica de cabeceira e reclamacións, segue sen chegar.

Tampouco chegou ese día, pois o persoal de urxencias manexou analítica e, imaxino que con pouco tempo para a historia clínica, tirou por un diagnóstico e unha medicación que nada me fixo. A situación da sanidade pública é tal que non pretende ser esta unha queixa contra as profesionais concretas que me atenderon senón contra un sistema que non escoita e que semella estar cada vez máis rexido por algoritmos que levan a unha situación desesperada a persoas aparentemente sas, mais que conviven en certos momentos da vida coa dor e coa incerteza dun diagnóstico que non chega.

Está claro que os atrasos das probas diagnósticas son produto dun sistema deficiente que, no mellor dos casos, cobre as situacións de gravidade obvia pero que deixa atrás todas aquelas previas que poden acabar aí. Agardar meses con sintomatoloxía implica unha importante tensión mental, mesmo para persoas tan pouco hipocondríacas e con tan boa base de partida coma min. O investimento na prevención e na atención temperá é sempre un aforro para o sistema sanitario pois implica tratar patoloxías antes de que se fagan moi graves.

É mágoa que iso que tanto se traslada dende o invididualismo á cidadanía nas campañas para que comamos san, para que fagamos deporte..., logo non se aplique tanto á hora de xestionar os recursos do sistema de saúde, tanto en canto a equipamentos como en canto ao seu recurso máis importante, o humano. Pois estou segura de que a imposibilidade de que se me realizase unha ecografía o domingo pasado para descartar certas cousas non se debeu tanto a unha oposición do persoal médico, senón ás restricións que se impoñen dende dentro do propio sistema sanitario.

Aí é onde unhas e outras acabamos padecendo nos nosos espazos e momentos máis vulnerables, no da enfermidade e no laboral. E nesa intersección é onde deixo o meu desexo de aniversario: por máis alianzas entre persoal e pacientes para podermos recuperar o benestar.