Para mobilizármonos, desmobilicémonos

Un vello amigo demorou anos en dispor e usar do telemóbel. Os colegas chamábano o desmobilizado. Un outro amigo –tamén do meu tempo– nunca o tivo nen o quer ter. Comunícase por teléfono fixo e mais por correo electrónico. Foron, ou son, excepcións absolutas. Hoxe, o uso tórnase imprescindíbel, non xa por querenza propria senón polo seu dominio social incontestábel. A inmediatez de comunicación que proporciona e a ilusión dunha información accesíbel a calquer hora fan o resto. De aquí á adicción (e á nomofobia) non hai máis que un paso. O capitalismo é intelixente dabondo para saber por adiantado o doado que é contar cun rabaño ("gando dixital", na expresión de Byung-Chul Han) satisfeito por se crer posuidor dun aparello de "empoderamento" individual a base de datos, novas efémeras, falsías sen máis... e narcisismo elevado á enésima potencia a través das redes sociais. Tamén é o capitalismo especialista en crear necesidades que se converten en problemas que esixen unha solución que por súa volta tamén se converte nun problema... E así ad infinitum, nun rodopío onde a prevención non existe (a prevención non é obxecto de mercantilización) e si a cadea que acabo de enumerar.

O abuso da pantalla, por outra banda, pon á vista carencias non leves das relacións sociais. Hai moita soidade, moito aborrimento nas relacións, moi pouco desexo de se comunicar verbal e presencialmente –o cal requer un traballo–, moita pasividade... De por parte, a condensación de mensaxes propagandísticas, políticas, publicitarias... nun formato breve e directo convén extraordinariamente ao macrocontrol de mentes e vontades: o que cómpre son adeptos, seguidores, non seres pensantes e/ou críticos.

Naturalmente, neste panorama, a historia non só sobra senón que é contraproducente, o mesmo que a filosofía ou as literaturas clásicas.

A adicción hai ben tempo que se detectou e, como non, xa se fixeron experimentos ad hoc para estudar os seus efeitos. Recentemente, co seu consentimento, un grupo de mozas-mozos de entre 15 e 24 anos (catro-cinco horas diarias de uso do telemóbel) foron "submetidos" a unha semana de "desintoxicación". Seica declararon sentiren primeiro angustia e, despois, alivio. Houbo quen confesou ler por primeira vez un libro enteiro ou quen se dedicou a falar con familiares e amizades. A cuestión, como é ben sabido, non se centra só en problemas de vista, de músculos do pescozo ou en isolamento social: atinxe directamente ás faculdades cognitivas, ao funcionamento do proprio cerebro. Mais a batalla –a curto ou medio prazo, polo menos– coido que está perdida. Viraranse as tornas cando se converta nun problema estendidísimo que custe cartos ao erario público, orixine as correspondentes reclamacións de atención ídem e as institucións permitan e fomenten a privatización da solución, da atención social, convertida de novo nun negocio... e volta a empezar. Talvez volvan poñerse de moda nunha requintada minoría ler libros en papel, ir ao cinema, ouvir vellos discos con gravacións de alta calidade... e caír na conta de que hai saberes e prácticas sociais e políticas que non naceron antonte e que é bon coñecer e aprender.

Unha delas recoméndanos mobilizarnos colectivamente para demostrar que existimos como povo distinto e consciente. Para este labor, convirá "desmobilizármonos" un pouco. Disimulen o título paquidérmico deste artigo.