Decidín que non entendo nada...

A frase do título precisa lembrarmos a súa orixe. Hai moitos anos unha das irmás dunha casa amiga –familia numerosa– tiña a encomenda de lavar a louza despois do xantar. Dixo falando para si: "Decidín que me deprime fregar". Xa se figuran a risada: non é que expresase un estado de ánimo, como se ve, senón a decisión de o ter. Desde aquela, adoptámola cando nos petou ou cando nos conveu. Á vista de certos factos da actualidade, servidora tomou a decisión que encabeza este artigo. Velaí. Eu non entendo como se pode seguir falando, alegremente ou rotineiramente, de ventres de aluguer. Agora resulta que o estado de gravidez dunha muller só é cousa da barriga, non da cabeza nen do resto do corpo en todo o seu complexo funcionamento. Se así for, esa muller alugada, esa muller comprada, aínda poderá alugar ou vender outras partes "libres" do seu organismo. Non hai mudanzas hormonais, de peso, de alimentación, de pensamentos e sentimentos, de afectación a outros órgaos, de obvios condicionamentos laborais ou sociais... Non, é cousa do ventre nada máis. Reificación, de novo muller-obxecto, receptáculo dunha vida humana para ser entregue a outros-as que desexan ser pais-nais. O omnipotente desexo por riba de todo. Desexo, teño dereito, pago: eis a secuencia. Moi edificante.

"Segundamente". Para certas correntes de pensamento, de influencia social e de moda estendida, o suxeito muller e o suxeito home non existen. Toda a vida batallando contra o bioloxismo, no sentido de imposición determinista de roles, funcións e expectativas sociais, para agora –nun movemento pendular típico destes tempos de neodogmatismo– concluír que a bioloxía non existe. Pois vai ser que si. Unha outra cousa é que ela non sexa fonte de sexismo, de discriminacións, de segregación. Aí lle doe. A rapaza que morreu recentemente de morte matada por dezasete puñaladas do matador (dúas menos que os seus anos) morreu por ser muller e non se dar defendido. Samuel Luiz morreu, igualmente de morte matada, por non lles parecer aos matadores home bastante, por bruta homofobia. Quer dicer, batemos sempre co mesmo "corpo do delito": o estigma de ser muller ou de parecelo. Non sería moito máis hixiénico socialmente, moito máis acorde co necesario cambio social, admitir como normais diferentes formas, imaxes e aparencias da feminidade, como da masculinidade? O "delito" da muller marcada por "amachotada" é, non sendo home, imitar quen o son (usurpación reputada ilícita). O delito, igual ou meirande, do home "afeminado" é "descender" na escala xerárquica, imitando o elemento inferior e contravindo así a superioridade conxénita do ser masculino canónico. Insisto: non sería moito máis progresista aspirar a que non exista o estigma, o tabú, o veto... a determinados comportamentos e actitudes?

De por parte, non entendo que o saber togado se autoconsidere superior ao saber psicolóxico ou clínico. Non falo para nada de terapias ou de manipulacións da personalidade infantil ou adolescente. Falo simplesmente de opinións, de contraste, de información, nalgúns casos tan básica como a de que un neno ou nena de oito anos é de esperar que faga vinte, trinta etcétera, isto é, ten moita vida por diante para tomar ou non as decisións oportunas sobre o seu ser. E afinal: que é iso de sentir e comportarse como un "neno" ou como unha "nena" de xeito estático e inamovíbel? Daquela, non hai transferibilidade, intercambiabilidade?

A profusión de oracións interrogativas deste artigo marcan, sen máis, un tema opinábel, debatíbel, valorábel desde diferentes ópticas. Así espero ser entendida, para contradicer a decisión do título.