Next Generation: salvar os poderosos

Martxelo, Vicent, imaxino que a vós tampouco vos colleu por sorpresa. O 16 de abril compartía convosco e coas caras lectoras e lectores que os fondos Next Generation estaban sometidos a duras condicións e á vixilancia da Comisión Europea. “Neste sentido, débese explicar a contrarreforma das pensións”, sinalaba. Na mesma peza, titulada "A troika está de volta", afirmaba que "a medida, na liña das recomendacións de Bruxelas, avanza na perda de poder adquisitivo das pensións públicas e as formulacións de carácter neoliberal teñen no horizonte abrir a porta ao negocio privado".

Abondou con quen pasaran sete meses para que a Comisión Europea nos sacara de dúbidas. Segundo recolle o memorando asinado polas autoridades comunitarias e o Goberno de Sánchez para acceder ás axudas do programa Next Generation, o Executivo español comprométese a aumentar o período de cálculo das novas pensións dos 25 aos 35 anos, o que representará unha importante perda no poder adquisitivo das persoas xubiladas (ao redor do 6%).

Next Generation é un plan de rescate masivo aos grandes grupos económicos

O novo modelo de pensións é outra medida na dirección das políticas neoliberais tan ao gusto da Comisión Europea e que o Goberno de coalición entre socialistas e Unidas Podemos asume como propio. Porén, máis alá do seu contido concreto, informa da orientación en materia de política económica para os vindeiros anos e evidencia o significado real do programa Next Generation.

A UE volve repetir a mesma operativa aplicada após 2008 para salvar os operadores financeiros privados. Next Generation é un plan de rescate masivo aos grandes grupos económicos con diñeiro público. Sacrifica os dereitos da cidadanía para garantir os lucros das grandes corporacións. Nas próximas semanas seguiremos coñecendo novas medidas nesta axenda ditada desde Bruxelas e asumida por Madrid.

A austeridade, os recortes e a desvalorización interna fan parte da xenética do proxecto comunitario. Tócalle decidir aos pobos se estas políticas van para adiante, na liña do reclamado polas elites e os seus Gobernos, ou se, pola contra, se abre un camiño diferente, en beneficio dos máis.