Desde as Fragas do Eume até o Aloia.
Desde as Fragas do Eume até o Aloia acerto cando digo que o chan que as alimenta, son un lugar privilexiado para pousarmos o corpo, para nos botar a rolos e sentirmos o humus. O meu avó díxome moitas veces que a desgraza da humanidade comezara cando deixara de pousar os pés na terra e que era ben andarmos sen o calzado posto, de cando en vez. Nós somos parte da paisaxe.
Quero recomendarlles un libro de banda deseñada, A morte nas fragas, editado por Son Radiofusión -Emisoras Municipais Galegas (sonradiofusion@gmail.com), froito do diálogo entre o texto de Anxos García Fonte e as ilustracións de Carlos Sardiña; quero recomendarllo precisamente por nos trasladar á paisaxe, por nos levar á súa profunda intimidade, coa advertencia, de que non é tan doado como pode parecer. Como moi ben se nos di: "Non todo o mundo pode entrar nas fendas entre a realidade e o misteio", é certo, só aquelas persoas que desde a infancia foron adestradas para facelo. Neste adestramento, agardo que Anxos o comparta comigo, ten moita importancia o de pousarmos o corpo e andarmos a rolos con el. Neste adestramento é fundamental a palabra, que che conten con palabras, que elas che anden ao redor, que lle aprendas a dar as voltas, para poder entrar na Fraga, para pertenceres a ela.
Anxos non esqueceu ningunha das miles de cores verdes da ladeira do Pouso que quixo pintar de nena, ándanlle por dentro, como lle andan eternas as palabras con todas as súas voltas e reviravoltas que a súa avoa e o seu avó lle contaban de pequena, para adestrala; como tamén lle andan eses seres fantásticos entre a realidade e o misterio (e quizais tamén o desexo). A paisaxe da fraga tamén a conforman os corpos dos fuxidos, que abrían carreiros, que se bañaban nos regatos, que lle daban a man, para ben-estar e ben-morrer, a outras criaturas marabillosas que viñan botar un baile co sol na noite de san Xohán. Anxos herdou e adestrouse con esas historias, para poder entrar no libro da fraga e, quen isto sabe facer, pode entrar en calquera libro, que se escribe no vento e se garda na memoria. Quen isto sabe facer, transmite e, neste caso, atopou quen poida pintar mesmo as palabras que non se din.
Sábese que un dos graves problemas dunha lingua minorizada e en vías de extinción é a perda da transmisión xeracional. Non herdar a lingua é non herdar o lar. Tamén cómpre saber que non herdar a historia do interior da Fraga é perdela, perder ás criaturas marabillosas, que viven debaixo do humus da terra, entre trabes de outro e de alquitrán, ou quen sabe onde, é perdelas como guieras cara un só tesouro, o das palabras. Non herdar a lenda é non herdar o lar. Tamén cómpre saber que non herdar a historia dos fuxidos, dos seres humanos coma nós, da veciñanza solidaria, da súa vida oculta na Fraga e da fala dos camiños, da súa loita por manter a liberdade lexítima, é perder a propia liberdade. Non herdar a liberdade é non herdar o lar.
Velaí, a transmisión, a carga simbólica da Fraga, da paisaxe nomeada. Alimento do corpo e da razón dos avós, para o futuro. Cómpre recuperarmos os corpos, as súas sombras e a súa historia. A memoria é lar.
Aprendín de pequena que no Aloia as flores son a vida que as balas nunca conseguiron matar.
García Fonte e mais Sardiña, pertencen á fraga, do mesmo xeito que eu tamén lle pertenzo ao Aloia.