Castelao en Sobredo
Hai 103 anos no mes de novembro Galiza vivía unha reivindicación social sen precedentes organizada desde o movemento agrario, que decidira non pagar os foros e demostrar que se a aldea que traballaba non quería, nas vilas e nas cidades non entraban nin verzas, nin patacas. O 28 de novembro de 1922 nunha concentración en Sobredo (Guillarei) de máis de mil labregos e labregas en solidariedade co veciño que se negaba a pagar e ía ser embargado, foron asasinados con balas da Garda Civil: Venancio González Romero, Joaquín Estévez Besada e Cándida Rodríguez González. Estes sucesos si tiveron transcendencia.
Emociona ler o prólogo de Cousas, "A carón da natureza", todo un tratado do xénero en que o autor nos explica as razóns polas que quixo ser un ventureiro das letras, polas que a man do artista que debuxa a natureza, precisa da propia man do escritor, porque na paisaxe hai máis e os escravos do fisco que sachan o millo nas leiras, tamén gozan do arrecendo das herbas de San Xoán.
É o pobo traballador de terra e mar quen mantén viva unha identidade, a mesma que revitalizan texto e imaxe neste libro publicado en 1926. No Álbum Nós, ese conxunto de 49 estampas, nacidas entre 1916 e 1918, admiradas en diferentes exposicións e editadas por vez primeira en 1931 en Madrid, Castelao móstranos nunha das imaxes os traballadores do fisco, mulleres e homes cos seus sachos. Conmoven todas as estampas, desde a primeira, fundamental para chamar a atención sobre un feito, algo esquecido, o valor que lle dá o político, construtor da identidade, á figura da muller como elemento activo na defensa da dignidade. Velaí a primeira estampa, a morte que ergue unha criatura naipela, como se a parise, para convertela nun símbolo; mentres, entre as cadeiras xace o esqueleto da nai morta co furado de bala na cabeza. Esta si é unha das mulleres que mataron en Oseira, Nebra e Sofán, ás que lembra o protagonista dun ollo de vidro nas súas memorias cando pretende saber a identidade da muller que morreu por outro tipo de amor. Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete publícase en 1922, o posuidor do ollo de vidro, non pode saber nada da historia de Cándida, a asasinada en Sobredo, preñada de non poucos meses, o que provocará que desde a igrexa e o poder se intente negar este feito; malia unha autopsia nada figura da causa da morte no seu rexistro de defunción.
O 29 de novembro de 1923, primeiro cabodano dos sucesos, no diario Galicia de Vigo publícase "Oración por Castelao", unha viñeta cunha muller orante e coa lenda que di: "Un Padrenuestro pol-a alma dos que morreron en Sobredo". Aínda poderemos atopar máis adiante outro debuxo, para min dous homes e unha muller, que representan os Mártires de Sobredo, co seguinte pé: "Un padrenuestro pol-a alma dos que morreron en Osera, Nebra, Sofán e Sobredo e pol-os que morrerán aínda".
Cándida, a rosa que florece en Sobredo no poema de Cabanillas, é a figura na base do monumento de Sobredo, obra de Camilo Nogueira, inaugurado o domingo 28 de novembro de 1932 ás 11 da mañá, acontecemento ao que asiste Castelao.
Cando o autor coloca no Álbum Nós esa primeira estampa está situando estas revoltas sociais pola dignidade dos inicios do século XX no lugar que lle corresponde, nese Nós, que lle dará conciencia á Xeración que leve máis tarde ese nome.