Medo

Profetas da apocalipse sempre houbo. Ao fin e ao cabo, o medo é un dos motores básicos do noso comportamento. Rímonos da gripe A, rímonos do Sars, rímonos da gripe aviar e chegou o coronavirus e acabáronse as risas. Rímonos das premonicións da variante Delta e rirémonos das da Ómicron a pouco que as vacinas nos protexan de enfermidade grave.

Menos mal, porque terlle medo a unha manda de lobos axuda a fuxir máis rápido. Con todo, o medo tamén pode provocar a reacción contraria, paralizarnos, sobre todo canto maior percibimos o perigo, máis nos parece irresoluble.

A clave para manexar o medo é saber cando os perigos son reais, cando son só produto da nosa mente ou, peor aínda, produto da mente doutros.

Un exemplo claro son as empresas que nos inxectan medo para facernos mercar o que non precisamos. Velaí o boom das alarmas de Securitas Direct.

O medo non só serve para vender. É moitísimo máis poderoso, quizais a máis poderosa das motivacións humanas. Vale, por exemplo, para facernos votar a quen promete acabar cos emigrantes dispostos a okupar os nosos fogares. Vale tamén para que aturemos condicións de traballo indignas, so pena de acabar vindo fóra do sistema, como eses emigrantes.

Como todo comportamento humano, o medo é complexo, gradual e aprendémolo por analoxías.

Prestamos máis atención ao profeta que nos alerta dun inminente diluvio que ao científico que nos advirte que cada vez chove menos.

Como o diluvio nunca chega, en canto esquecemos a última treboada rímonos do profeta e, por analoxía, do científico e do cambio climático.

Durante un ano ignoramos os científicos que nos advirten de que ou nos vacinamos todos rápido ou chegarán ondas máis perigosas.

Porque ignoralos é moito máis doado, humano, que enfrontarnos a un gran medo, perder os nosos privilexios.

Para vacinar rápido a todo o mundo hai que limar os beneficios dalgunhas empresas. Nada irrealizable, pero que implica abrir un debate global sobre os beneficios privados e a explotación ao terceiro mundo. Unha caixa de Pandora que nos dá medo abrir aos que cremos que este sistema tampouco nos vai tan mal. Vale, non nos vacinamos antes que en Emiratos, pero si antes que os brasileiros, non si?

Vacinar todo o planeta canto antes é un exame para saber se a humanidade é quen de enfrontarse a problemas globais con solucións globais, as únicas posibles. Até hoxe fomos incapaces. En Occidente temos medo a que un cambio profundo nos faga perder os nosos privilexios, por moi precarios e minguantes que sexan. 

Non hai peor cego que o non quere ver. Despois de Ómicron, virá Pi, e despois Ro e despois quizá non nos golpee outra cepa Covid pero golpearanos calquera outro problema global. Será outra crise financeira, guerra nuclear ou migración masiva.
Imos deixar que o medo nos paralice ou nos impulse a actuar axiña? Tamén podemos seguir ríndonos dos profetas da apocalipse, que sempre os houbo.