Vigo e as Forzas Armadas

Pegado case á muralla do Castro, en Vigo, hai un monólito cunha placa que lembra os 136 fusilados naquel lugar entre 1936 e 1942. Na Porta do Sol non existe, en cambio, ningún recordatorio do asasinato de quince civís, ordenado polo Capitán Carreró, o mesmo día do pronunciamento militar. Aínda quedan, porén, as marcas das balas en dous edificios da praza.

Vigo deu, no século XX, grandes pasos adiante, sobre todo no ámbito económico, e tamén varios atrás, sobre todo no ámbito político.

O proletariado feminino era numeroso hai cen anos, grazas as fábricas de conservas. Máis tarde viñeron as empresas do cable, británicas e alemás, que enlazaban Europa con América. Vigo chegou a ser considerada, por algúns xornalistas, unha cidade case inglesa, o que hoxe nos resulta estraño debido a que a memoria da cidade, como habitualmente ocorre en Galiza, aínda se está escribindo.

En 1972, a loita obreira, paralela á de Ferrol, abriu o camiño dun sindicalismo propio que segue a beber desa fonte. É este un resumo escaso e puntillista, forzado pola multiplicidade dos acontecementos. Precisamente para non perdérmonos dentro desa vitalidade contraditoria, Manuel Bragado vén de editar unha moi útil recompilación, Vigo na liña do tempo.

A capacidade dos estaleiros, Barreras, Vulcano etc. que Méndez Ferrín evocaba nos seus relatos e artigos de prensa, coa súa particular eufonía épica, sufriu nos anos oitenta unha dura redución. Alfonso Guerra, durante un mitin no pavillón das Travesas, foi increpado por un grupo de traballadores do naval, aos que el contestou, amolado e acendido: "Choraredes sobre os ombreiros dos vosos fillos", unha resposta que nunca entendín.

Ninguén puido, en todo caso, vivir no Vigo deses anos sen decatarse de que na cidade existía unha gran conciencia de clase. Nese contexto e de forma simultánea, apareceu a Movida. Como escribiu hai pouco David Rodríguez, o seu lema "Madrid escrébese con V de Vigo" ocultaba a realidade de que era Vigo o que se escribía con M de Madrid.

O éxito publicitario e consecuentemente turístico do actual alcalde oculta a frustración dunha cidade sen obxectivos, paralizada en moitos ámbitos (Etea, Panificadora, Campus do Mar…), do mesmo modo que a Movida pretendía cubrir cun veo frívolo o desmantelamento da industria.

A conciencia pasada pode albiscarse aínda no Calvario, onde os obreiros retirados pasean os domingos coa familia. Grazas a esa vida de barrio, Vigo conta aínda cunha sociedade articulada, sen os problemas comunitarios das periferias artificiais. Esa mesma articulación vese nas periódicas mobilizacións a favor da sanidade pública. Algo morreu pero algo queda e, ás veces, rexorde.

Agora veñen de anunciar que o vindeiro desfile das Forzas Armadas terá lugar en Vigo. Un esperaría, usando ese condicional que tanto lle gustaba a Castelao para imaxinar o futuro, un esperaría, digo, que o Rei ou quen estea ao mando do desfile puxese unha coroa de flores ao pé da placa dos fusilados no Castro.