Castelao e os negros
O historiador da arte Carlos Bernárdez vén de publicar Novo diálogo. Achegas á obra plástica de Castelao, un libro, xa referenciado neste periódico, que contén dous breves ensaios. O segundo, "Exilio é negritude na obra de Castelao" é o máis interesante. Nel contextualiza, tanto as opinións como os debuxos do rianxeiro, no ambiente artístico da época.
Parte do material comentado procede do Diario 1921, pero aquí imos prestar atención, seguindo a Bernárdez, a un texto incluído nos Cadernos. Escolma (1938-1948), redactado por Castelao durante a súa estadía nos EUA, entre 1938 e 1940. Trátase, en concreto, dun parágrafo pasado por alto moitas veces polos comentaristas e que Henrique Monteagudo cualifica, no propio prólogo aos Cadernos, de "confesión abraiante".
Castelao, no texto en cuestión, di así: "Recoñezo que me sinto alonxado da raza negra por reparos incoercibles da natureza. Cando en París vexo a unha loira c-un negro xa sei que se trata d-un caso de perversión sexual e o caso da mistura de coor paréceme sempre anormal; pero esto non me impide considerar aos negros como compoñentes da miña especie e sempre capaces de merecer a miña amistade fraternal. Craro está que non sería capaz de casarme c-unha negra e o caso pode analizarse. Todos queremos ter fillos que se parezan a nós e casándome c-unha negra xa sei que non podo ter máis que un fillo mulato. Crear mulatos é un siño de decadencia e cando se pronuncian frases encol dos negros compre ir ao fondo d-elas. Así, por exemplo, din que 'poñerlle un frac a un negro é perder o frac e perder o negro'. Esta frase inventada por un branco ten moito de agresivo e moito de verdade. Non hai equilibrio porque os negros (ensumidos aínda no complexo de inferioridade e fillos ainda da escravitude) non contrarrestan o aldraxe co aldraxe. Eu non negro que os negros teñan limitadas as facultades intelectuaes pol-o herdo secular da iñorancia ou pol-o desvencellamento secular da nosa civilización; pero é indiscutible que os negros teñen a posibilidade d-erguerse até o nivel dos brancos".
Inmediatamente despois deste parágrafo, na liña do pensamento da época, Castelao continúa e di o seguinte: "Todo esto pensaba eu e non nego que a separación de razas coincidía cos meus instintos de pureza e perfección. Pero nos Estados Unidos sentín primeiro unha enorme compasión pol-os negros e máis tarde un desexo de matar a miña repuñancia por eles. Agora avancei máis e sería capaz de trocarme en lider das reivindicacións negras i en defensor d-esta raza. O día que despertei a este sentimento foi o 1º de septembro de 1938. Percorríamos o estado de West Virginia (ónde os negros ainda non son perseguidos coma no Sul) e na porta d-un Bar aldeán, onde comían e bebían uns cantos barbaros brancos, alvisquei este letreiro na porta: NOTICE. Whites only. Agora síntome irmán dos negros".
Creo que o texto é unha boa mostra da honestidade de Castelao, que poucos políticos de hoxe serían capaces de igualar.