Feijoo lidera un “golpe de Estado” cos xuíces designados polo PP

Hai antecedentes que non foron criticados polo PSOE nin polo PP e tiveron un aplauso case unánime dos medios de comunicación

A paralización do debate no Senado de dúas emendas do goberno á reforma do Código Penal para modificar as Leis do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Constitucional tivo numerosas cualificacións: “Golpe de Estado Constitucional”, “Estado de excepción”, “Secuestro constitucional”, “Desestabilización institucional”, “Golpe brando xudicial”, “Fraude de Constitución”. Pero ese golpe non foi protagonizado nesta ocasión por unha banda armada, como o asalto ao Congreso por Tejero o 23 de febreiro de 1981, senón polos maxistrados designados polo PP para ocupar os postos nos órganos do poder xudicial.

O PP leva meses difundindo que o goberno que preside Pedro Sánchez é ilexítimo, é dicir, non recoñece os resultados electorais; e boicotean a renovación do CXPX (correspondía por lei en 2018) e do TC (tiña que renovarse no pasado setembro) para manter o actual control até as eleccións de decembro de 2023. En definitiva, pretende controlar o aparato xudicial cando gaña as eleccións e tamén cando está na oposición.

O goberno do PSOE e Unidas Podemos pretendía acabar con ese bloqueo e presentaba estas dúas emendas: suprimir o requisito de tres quintos que o CXPX necesita para elixir os dous maxistrados que lle corresponde, que pretendía cambiar por un sistema no que sexan elixidos os xuíces máis votados. A outra emenda permitiría que o goberno e o CXPX poidan facer os seus nomeamentos de forma independente, aínda que a outra parte non o faga nos prazos fixados.

Por outra parte, o PSOE sumábase a UP e presentaba un recurso de amparo para pedir a abstención ou recusación dos dous xuíces do Tribunal Constitucional, designados polo PP, que teñen o mandato caducado –Pedro González Trevijano e Antonio Narváez Rodríguez– porque están directamente afectados pola reforma. O PP considera ilegal este procedemento das emendas e Feijóo utiliza os xuíces nomeados polo seu partido para organizar un auténtico golpe de Estado. Non consegue paralizar a votación no Congreso o 15 de decembro, pero o TC acepta o recurso de amparo do PP, que pedía medidas cautelarísimas, e suspendía o debate no Senado do 20 de decembro.

Criticouse a urxencia con que foron tramitadas esas emendas, pero hai antecedentes que non foron criticados polo PSOE nin polo PP e tiveron un aplauso case unánime dos medios de comunicación. Así, o rei Juan Carlos facía pública a súa abdicación o 2 de xuño de 2014 e a Lei de Abdicación era aprobada no Congreso o 11 de xuño, é dicir, en dez días, con 299 votos a favor (PP, PSOE, UPyD, UPN e Foro Asturias), 19 en contra (Izquierda Plural, ERC, BNG, Compromís, Geroa Bai e Nueva Canarias) e 23 abstencións (CIU, PNV, CC e tres deputados do PSOE). Despois da abdicación o Congreso aprobaba o 26 de xuño a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial para o aforamento do rei Juan Carlos.

O mesmo presidente do Congreso, Jesús Posada, declaraba que todo o proceso quedou “un poco chapuza”. Javier Pérez Royo, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Sevilla, criticaba o procedemento seguido para a aprobación da Lei de Abdicación  porque non se fixo de acordo cunha Lei Orgánica, como está previsto no artigo 57.5 da Constitución. Tres anos despois, un editorial de El Mundo (2.6.2017) sinalaba que “la operación fue un gran éxito”. “PP y PSOE aunaron sus fuerzas y actuaron con responsabilidad y visión de Estado para que el proceso se produjera con un respaldo más que cualificado, en pro de apuntalar a la institución”. 

Outra intervención do TC, claramente política, é a falta de respecto á vontade popular. O 30 de setembro de 2005 o Parlamento de Cataluña aprobaba a reforma do seu Estatuto de Autonomía, que é aprobado en referendo o 18 de xuño de 2006.

O TC anulaba parcialmente ese Estatuto o 28 de xuño de 2010. Para entender todo isto, non podemos esquecer o libro Jueces, pero parciales. La pervivencia del franquismo en el poder judicial, de Carlos Jiménez Villarejo e Antonio Doñate Martín, que explica como os mesmos xuíces que presidían na ditadura os Tribunais de Orde Pública (TOP), encargados da represión, chegaron en democracia, até o TC e Supremo. Concluíndo, o TC non é máximo garante do cumprimento da Constitución, senón que se converteu nunha especie de terceira cámara lexislativa, unha plataforma política nas mans do goberno e un garante da continuidade dunha Monarquía corrupta e herdeira do franquismo.