A outra emigración: Da Presa e a "Pondal"

 Souben da Sociedade Nacionalista Galega “Pondal” e máis do seu voceiro A Fouce por vez primeira a través dos comentarios que me fixo Moisés Da Presa, na Irmandade Galega (IG) de Bos Aires. Pedinlle que escribise sobre o tema, e así o fixo, aínda que se demorou, sería no número 516, de xuño de 1971 en A Nosa Terra (ANT), voceiro da IG. Era a reprodución dun artigo publicado no ano 1956 na revista Galicia. Nel pouco di respecto da etapa da Fouce “vermella”, só que foi posterior a maio de 1936 e que era o voceiro do Partido Comunista Galego.

No artigo define á Sociedade Pondal como un “movemento de estrema esquerda arredista”. Sen dúbida para diferencialo da socialdemocracia, xa que na práctica non tiña os plantexamentos que caracterizan a estrema esquerda tal como a coñecemos no noso contexto. Non se trataba de arredistas infantís, xa que consideraban a creación dun Estado Galego plenamente soberano como un proceso, consecuencia do avance organizativo e de conciencia social. Con este obxectivo aceptase a constitución dunha confederación de nacións da península Ibérica, incluíndo a Portugal. Lembremos que Campos Couceiro, que fora membro da Pondal, foi un dos que propuxo na asemblea do 28 de xuño de 1931 en Compostela a declaración do Estado galego. Tampouco había unha voz única na Sociedade Pondal sobre estes temas, tal como se pode comprobar nas páxinas do seu voceiro “A Fouce”, mais si un obxectivo común: un Estado Galego, por suposto republicano.

Dos “irmáns” cos que mantiña relación na Irmandade Galega era Moisés Da Presa co que máis coincidencias ideolóxicas tiña, aínda que me unía unha estreita amizade con outros, como: Bieito Cupeiro, Manuel Pedreira, Ricardo Flores, Daniel Nogueira, Lema, Montero, Guede, etc.  Da Presa naceu no ano 1904, era de Vigo, do barrio das Travesas, e falábame acotío da súa cidade, da que partiu para a emigración en 1920.

Da Presa participou no grupo inicial da Pondal en 1925. Aínda que seica iniciou a súa militancia ao ano 1923 na Irmandade Nazonalista Galega. Publicou numerosos artigos na Fouce e en A Nosa Terra, e en Opinión Gallega (todos en Bos Aires), e Vieiros de México. En ANT escribía unha columna chamada Revoldaina baixo o alcume de Lourenzo Fragoso; aínda que publicou tamén artigos con outros alcumes ou sen sinatura. Era un home con formación política e moita retranca, ás veces atrevida e dura, porén sempre clarificadora e ao servizo do país e das clases populares. A través dos breves comentarios que fai en Revoldaina pódese seguir a vida da “colectividade galega”, así como as valoracións que se facían daquela por parte da Irmandade dos acontecementos na Patria esmagada pola ditadura franquista.

Mais quero abondar un chisco no tema da Fouce “vermella” e na relación con Moisés Da Presa. Conversei nalgunhas oportunidades con el da súa experiencia tanto na Sociedade Pondal como da chamada Fouce “vermella” mais notábaselle que quería pasar páxina. Lembrar que nesta última etapa saíu algún número de A Fouce como voceiro do Partido Comunista Galego (cantos foron?...). Agora ben é importante saber que o proxecto fracasou porque o Partido Comunista de España infiltrou na nova organización persoas que a fixeron inoperante. Morría deste xeito unha experiencia que renacería moitas décadas despois, cando a Unión do Povo Galego (UPG) convertíase nun partido comunista patriótico, nos anos setenta do século pasado.

Bieito Cupeiro dinos encol da participación de Da Presa no galeguismo arxentino, que era unha persoa con boa formación a respecto da nosa historia e cultura, que facían del: “un dos máis inquedos integrantes da Pondal (...) logo da chegada de Castelao, en 1940, deixouse ver como un dos máis rexos colaboradores da sua política, formando parte activa da Irmandade Galega e do Centro Ourensán”. Sobre a súa colaboración co Goberno galego no exilio, engade o seguinte: “entrou a formar parte do Consello de Galiza, ao pouco da súa reorganización, e xunto con quen escribe, foron os encargados de dar ao prelo doce números do seu boletín”.

Por último, destacar de Moisés Da Presa a súa presenza activa en dous conflitos que reflicten a súa postura política. Refírome á campaña no Centro Galego de Bos Aires para evitar que Mourente repetise como presidente, dado o seu achegamento á Embaixada Española, e á polémica con Luís Seoane a respecto da utilización do galego nas actividades da colectividade. Seoane defendía que tamén se podía facer cultura galega en español. Neste debate, no seo do galeguismo na Arxentina, Seoane utilizou o boletín “Cuco Rei” e Da Presa as páxinas de ANT na súa columna Revoldaina.

Da Presa era, como o sector da esquerda da IG, moi crítico cos dirixentes máis moderados, entre os que destacaban aqueles que no seu día foran do grupo promotor do Partido Galeguista en Bos Aires. O seu representante máis notorio era Rodolfo Prada. Tamén consideraba negativos a aqueles que na Galiza “interior” refugaban da tarefa política refuxiándose na actividade cultural, como Ramón Piñeiro. Moisés Da Presa, galego de Vigo, dedicou toda a súa vida a loitar pola liberación nacional de Galiza e a xustiza social, sería inxusto que o nacionalismo o esquecese.