Moito máis cunha guerra entre Israel e Irán

Cada día que pasa resulta máis evidente que pesan moito os intereses propios das clases dominantes en Israel para estender a confrontación armada a Irán, por considerar que deste xeito se consolida na rexión e garante a ampliación do territorio. Todo elo malia súa debilidade territorial e demográfica, o que contrasta cunha situación de privilexio económico. Agora ben, non se pode obviar que ademais está en xogo, a uns niveis moi importantes, a correlación de forzas a nivel mundial. Daquela que resulte evidente que a iniciativa, ou cando menos que a estratexia decisiva na conxuntura se decide en Washington, co obxectivo fundamental de recuperar un mundo unipolar. Mesmo sabendo que cunha participación tan directa e agresiva pode abrir fendas cos países arabés cos que mantén complicidades e contradicións (Arabia Saudí, Emiratos Árabes Unidos, Exipto, Qatar...). Unha dependencia que busca estender a Irán, ou cando menos neutralizalo reproducindo un novo Iraq, debilitando deste xeito os BRICS ao afastar a Teherán do bloque militar alternativo constituído por Rusia e China.

Resulta evidente que o ataque non tiña como finalidade evitar que Irán contase con armamento atómico en poucas semanas, e co perigo real que isto implicaría para a seguridade israelí, xa que os propios servizos secretos norteamericanos aseguraban que os iranianos abandonaran este proxecto no ano 2003 (non así os obxectivos nucleares no eido enerxético, medico, etc.) e a organismos especifico da ONU para o control nuclear OIEA afirmaba que non había indicios de fabricación dunha bomba atómica. Polo que se tratou dunha calculada escusa baseada nunha mentira para atacar Irán, na procura "dun cambio de réxime", coidando que se atopaba nun momento débil, despois do golpe contra Hezbolá, da caída de Siria na orbita turca e da perda da maior parte da capacidade militar deste último país co que Israel ten territorios en disputa e comparte fronteira.

Mais pode que Netanyahu e os seus servizos de información calculasen mal a capacidade militar de Irán, así como o estado de animo da poboación deste país, especialmente respecto dunha agresión por parte de Israel. Sen dúbida tamén incide un contexto no que ao xenocidio en Gaza se suma a masacre e detencións masivas en Cisxordania, a ocupación de zonas do sur do Líbano e de territorio en Siria. E que aínda así, e con toda a axuda de Estados Unidos (USA) e aliados europeos, que resista o pobo palestino, a guerra en Afganistán rematase nunha desfeita para “occidente”, a evolución positiva en termos de soberanía en moitos países ao sur do Sáhara,... A sensación social no mundo é do fin dunha etapa, con avances e retrocesos do imperialismo norteamericano e aliados. E, cun matiz moi significativo, que a crise do modelo é maior en occidente daquela que aumente súa dependencia da forza militar, do control das finanzas, da mentira, e dun trato máis discriminatorio cos países da periferia, do individualismo e da película da democracia, mentres que en USA e aliados non deixa de medrar a precariedade laboral e desigualdade tanto entre territorios como entre clases sociais.

Por se non abondase o cadro das últimas décadas completase coa desfeita económica e social, coa ruptura interna daqueles países que foron invadidos polo imperialismo, ou sancionados, co obxectivo de seica "restituír a democracia e o dereito internacional": Libia, Siria, Iraq,... En poucas palabras, na práctica, as únicas alternativas que lle quedan a Irán, son a de chegar a un acordo que evite a intervención de Estados Unidos e aliados, ou manter unha guerra de desgaste para gañar tempo, apostándoo todo a un maior avance do mundo multipolar, e os límites que iso implica nas políticas futuras dos Estados Unidos (e do mundo anglo saxón) aínda que implique un custe a ter en conta. Hai perigos nesta confrontación. Unha rendición e ocupación de Irán por parte de USA-Israel sería un retroceso na construción dun mundo multipolar, mesmo que fose de xeito transitorio. Polo tanto non é casual que Turquía e Paquistán tomasen actitudes tan decididas en defensa de Irán, tendo en conta a pertenza do primeiro á OTAN e as relacións tan intensas do segundo con Washington... Ate onde chegarán Rusia e China na defensa de Irán, e de USA respecto de Israel? Estados Unidos intentando cambiar a tendencia dos últimos anos recuperando pola vía militar, especulativa e do control do relato o que perdeu no mundo de poder económico, dando pulo á globalización neoliberal (en beneficio tamén das corporacións tras-nacionais)... Como remate a guerra entre Israel-Irán terá consecuencias na correlación de forzas e no modelo económico-social.