Galiza e o reto migratorio

Acotío leo nos xornais que hai máis de 500 mil galegos e galegas vivindo no exterior, ou sexa tantos como nos concellos de A Coruña e Vigo. Só algún engade que uns 400 mil naceron no estranxeiro, ou sexa, trátase de descendentes que solicitaron a nacionalidade “española” por algunha razón, dende aqueles que queren manter o nexo coa Terra dos seus pais e nais, até os que o fan exclusivamente por se nalgún momento queren emigrar á Unión Europea. Polo tanto se  eliminásemos o requisito do lugar de nacemento a todos os descendentes de primeiro e segundo grao de galegos e galegas sumarían millóns, xa que a maioría non optou pola cidadanía “española”.

En poucas palabras que a maior parte destes supostos galegos e galegas que residen no exterior non teñen ningún vencello persoal directo con Galiza, e se lle preguntásemos sua identidade colectiva  dirían que son arxentinos/as, brasileiros/as, cubanos/as, uruguaios/as, etc. Se cadra haxa unha diferenza nesta perspectiva cando son descendentes de emigrantes en Europa, onde as diferenzas culturais son máis profundas e as relacións coa Galiza máis frecuentes. Unha situación particular tamén é a dos que emigraron a outras nacionalidades ou autonomías do Estado español, que nos análises dos xornais non se teñen en consideración. Como se non fosen emigrantes galegos/as que viven en Madrid, Cataluña, Canarias, Andalucía...

Sei do que falo, a maior parte da familia do meu pai emigrou á Arxentina, onde vivín dúas décadas e alí reside a miña irma e seus fillos e fillas, estes teñen cidadanía “española”. Para eles, como para a maioría das persoas na Arxentina e Uruguai até hai unhas décadas todos os españois eran “galegos”. Os galegos/as de nacemento eran máis dun millón na América Latina na década dos sesenta do século pasado. Agora ben, agás situacións moi especificas, os descendentes asumen seu país de nacemento como o da súa identidade colectiva. É lóxico que sexa así. As galegas e galegos destacaban polo seu amor á Terra de orixe (a morriña), e na súa maioría querían retornar, mais a vida e a situación política e económica complicóuselles. Polo que fixeron un esforzo para que seus fillos e fillas se integrasen, tamén os nacidos na Galiza que chegaron de pequenos. Ademais, hai casos, e non son poucos, nos que os/as descendentes manteñen con orgullo súa orixe galega.

Non sumemos galegos e galegas que non existen! Facer análises correctas da realidade non resta posibilidade aos descendentes respecto de acadar a “nacionalidade española”, e ter todos os dereitos se deciden facer o camiño da migración ao envés que seus pais e nais. En cambio, é lóxico sumar como emigrantes aqueles galegos e galegas que residen no resto do Estado, e que semella que polo feito do lugar que escolleron para residir xa perderon a súa nacionalidade de orixe, que xa non contan. Vexase que é un criterio carente de lóxica. Será por motivos político-ideolóxicos?

Tampouco é o mesmo vivir como inmigrante na Galiza, con todos os dereitos e obrigacións como un/unha cidadán máis, cando se trata dunha residencia transitoria no país, que cando se leva moitos anos nel. Claro que neste caso, como pasou na miña etapa de emigrante na Arxentina, ademais depende do interese e posibilidade do/da inmigrante para se integrar, non só no ámbito laboral, senón tamén no social, cultural e político. Neste aspecto axudarían moito medidas máis efectivas e especificas de integración. Para integrar é básico recoñecer a realidade identitaria, cultural, lingüística, a herdanza histórica do país no que se vive. Non se soluciona con teorías a prol dunha sociedade cosmopolita e fronteiras abertas, se obviamos a integración cultural, a igualdade, a xustiza social... a planificación. Por exemplo, non se pode pechar os ollos a que máis da metade das familias inmigrantes, representantes dunha gran pluralidade de povos de fóra do Estado español, viven en situación de pobreza segundo as enquisas e cumprindo as tarefas máis duras, tampouco se pode obviar o que implica o aumento da man de obra de reserva respecto dos dereitos laborais (e a loita de clases), e por supostos respecto dunha maior demanda de vivenda e todo tipo de servizos.

En fin, non sumemos o que non corresponde, ou onde só son cifras que engaden confusión á análise e dan pulo a solucións incorrectas ou incompletas. Unha cuestión son os cidadáns con dereitos na Galiza, e outro os galegos e galegas que se senten como tais, comezando por aqueles que naceron no país e e sumando todos/as aqueles que o adoptaron como seu. Reivindiquemos que nas nacións ás que os galegos e galegas emigramos masivamente aportaron un anaco da nosa cultura, lingua. Recoñezamos que hoxe na Galiza somos unha sociedade na que vive unha minoría, cada vez máis significativa, de persoas doutras nacionalidades. Hai que telos en conta, tanto aos que marcharon como aos que viñeron, nun caso como un problema mal resolto, que deixou como única vía a emigración, e respecto da inmigración, que debe ser planificada e regulada, como aporte e como reto de integración. Non é pouca cousa, e non se resolve pechando os ollos.