Galegos na construción da canle de Panamá
Cando era un raparigo, na emigración na Arxentina, os paisanos galegos que se reunían na nosa casa, algo normal especialmente nos primeiros anos, falaban, entre outras cousas, daqueles que na época dos seus pais e avós ían segar a Castela, e do esgotador que era a viaxe e da dureza do traballo, especialmente para os rapaces que acompañaban a "cuadrilla". Tamén lembraban os moitos familiares que emigraran, tanto a Arxentina, como a Uruguai, Brasil, Venezuela, Cuba e o País Vasco. Porén, o que chamou máis a miña atención eran as referencias que facían á emigración que ía a Lisboa, Manaus, no Brasil e a Panamá, participando estes últimos da construción da canle. Esta inaugurouse o 15 de agosto de 1914 e une os océanos Pacífico e Atlántico, ten 82 quilómetros de lonxitude, e un largo que varía entre 90 e 300 metros.
A construción da canle iniciouse en 1879 por unha compañía francesa, que terminou en bancarrota. Os dereitos foron mercados por unha empresa norteamericana que obtivo a cesión perpetua da canle, e de oito quilómetros do territorio a cada lado, a cambio de 10 millóns de dólares, máis 250.000 anuais. Para conseguir este acordo economicamente tan beneficioso e de apropiación de territorio, Estados Unidos impulsou a secesión de Colombia desta provincia, que se independizou o 3 de novembro de 1903. Co tempo a situación neocolonial agudizou as contradicións entre os/as panameños e o imperialismo USA. Despois de varios conflitos e revoltas da poboación, Panamá recuperou o control da canle o 31 de decembro de 1999.
A presenza de traballadores galegos na construción da canle de Panamá, á que facía referencia, é moi pouco coñecida, malia que conformaron unha parte importante da man de obra. Xurxo Martiz Crespo no libro Galiza en Dominicana, Nicaragua, Panamá e Venezuela, unha ollada fotográfica analiza este fenómeno, e di que un 18,39% dos traballadores eran do Estado español, polo que eran o segundo grupo en importancia despois dos afro-antillanos. Cuantifica tanto que orixinarios do Estado español como da nación galega participaron na construción da canle: "8.298 durante o período de 1904 a 1914, dos cales máis de 60% eran de orixe galega".
Na canle, a forza de traballo estaba formada en dous grupos distintos, uns que pertencían ao sistema gold roll e outros ao silver roll. No primeiro sistema estaban os estadounidenses, que facían traballos administrativos, de enfermería, mecánica etc. que recibían o seu salario en dólares e tiñan uns ingresos que dobraban os integrados no silver roll. Neste último sistema estaba o resto que cobraba en moeda panameña. E mesmo dentro deste último había diferenzas, porque os europeos cobraban máis que os afro-antillanos. Unha Comisión Investigadora nomeada polo Presidente Roosevelt constatou que na práctica había 751 tipos diferentes de pagamento entre os silver roll e 400 entre os gold roll. Ou sexa, un modelo de contratos e salarios individualizados.
Martiz fai referencia a que "os traballadores eran contratados no seu país de orixe por axentes estadounidenses, e pagábaselles a viaxe, descontándolle despois do seu salario o importe, mais sen a garantía que tiñan os afro-antillanos de repatriación. A xornada era de 10 horas sen vacacións, mentres que a xornada dos estadounidenses era de 8 horas e tiñan vacacións". Un aspecto que salientan os historiadores foi a enorme mortalidade, que se calcula, segundo a fonte, entre 6.000 e 12.000 persoas, tamén por malaria e cólera; sen dúbida moitos deles galegos. Moitos daqueles paisanos terminaron residindo en Panamá, polo que, malia a alta mortalidade nas obras da canle, formaron parte da vida social, laboral e política deste país.