Estreitando o cerco

A aposta das clases dominantes europeas pola globalización neoliberal concrétase en medidas que aumentan a especialización da actividade económica a nivel mundial, o que favorece as grandes corporacións en prexuízo das pequenas empresas e dos territorios periféricos e dependentes.

A aposta das clases dominantes europeas pola globalización neoliberal concrétase en medidas que aumentan a especialización da actividade económica a nivel mundial, o que favorece as grandes corporacións en prexuízo das pequenas empresas e dos territorios periféricos e dependentes. Neste liña vai a supresión de aranceis, das moedas “nacionais”, os TLCs, e todo tipo de regras que blindan o capital diante de calquera cambio político que poña en primeiro lugar os intereses da maioría social. Para facer esta andaina cómpre vencer a oposición das clases populares, no aspecto social e nacional, para o que se emprega, cada vez con maior frecuencia, o militarismo, a represión e o control da vida das persoas. 

"Para poder centralizar e concentrar a riqueza e o poder impunemente, a alta burguesía e os seus partidos eliminan dereitos e estreitan a democracia en aspectos fundamentais"

Para poder centralizar e concentrar a riqueza e o poder impunemente, a alta burguesía e os seus partidos eliminan dereitos e estreitan a democracia en aspectos fundamentais, alí onde é necesario e posíbel. Tal é o caso da eliminación da ultraactividade na negociación colectiva, ou do descolgue por calquera razón da patronal do convenio en vigor (para aplicar as condicións mínimas legais), así como a lectura negativa que fan moitos xuíces e xuízas do dereito de folga e dos piquetes informativos. A condena a tres anos de cadea de dous traballadores que participaban nun piquete informativo durante a folga do transporte da provincia de Pontevedra no ano 2008 é parte deste escenario regresivo no social, mais tamén nalgúns aspectos esenciais dos reclamados polos partidos sistémicos como valores da democracia capitalista. 

Estes dous operarios formaban parte dun piquete de 80 persoas que foi identificado ao chou pola policía na rolda de Bouzas en Vigo, polo que algúns dos participantes serían denunciados por guindar pedras a camións que non seguían o paro. Nun comunicado, CC.OO., UGT e a CIG valoran correctamente o acontecido posteriormente deste xeito: “Froito desa denuncia realizáronse varios xuízos cuxo resultado foi absolvelos de calquera dano a todos os efectos (ademais ningún traballador nen empresa presentou cargos nin culpou a estes compañeiros). Porén, un xulgado de Vigo considerou que Serafín Rodríguez Martínez (CIG) e Carlos Rivas Martínez (UGT) eran culpábeis dun delito contra os dereitos dos traballadores (art. 315.3 do Código Penal) e condenounos á pena máxima posíbel: 3 anos de prisión ¡3 anos de cadea por participar nun piquete, logo de se demostrar que eran inocentes de ter producido ningún dano! Unha sentenza abusiva que só pretende escarmentar e amedrentarnos para debilitar a nosa capacidade de resposta como clase.”

"Esta sentenza é posíbel porque existe unha lexislación que procura criminalizar as mobilizacións sociais e laborais cando non teñen un carácter simbólico"

Esta durísima e inxustificada condena permite que fagamos algunhas reflexións. A primeira, que esta sentenza é posíbel porque existe unha lexislación que procura criminalizar as mobilizacións sociais e laborais cando non teñen un carácter simbólico e, moi especialmente, pon no punto de mira os piquetes informativos. Lembremos que o piquete é esencial para divulgar o paro e como elemento equilibrador da capacidade coactiva que ten a empresa para impedir a folga. A segunda, que a declaración dun policía nun xulgado vale máis que a de dez testemuñas, co que aquilo de que todos/as os cidadáns son iguais ante a lei é letra morta, e dá lugar a que este tipo de sentenzas sexan cada vez máis habituais. Terceira, estase impoñendo no poder xudicial, en consonancia coa correlación de forzas actual, unha liña interpretativa que considera a folga e as protestas obreiras, para alén do simbólico, como un ataque ao capital como xerador do traballo, e polo tanto a este. Unha liña que ampara todo tipo de inxustizas, e que fai o poder xudicial, funcional ao recuar dos dereitos laborais e ao aumento da explotación, agás contadas excepcións.

Agora ben, esta sentenza e outras semellantes, mesmo que se acadase o merecido e necesario indulto para os dous traballadores, colocan o movemento obreiro diante dun escenario de represión contra os piquetes informativos e o dereito de folga, que non se pode ignorar. Unha situación que se verá agravada cando se aprobe a nova Lei de Seguridade Cidadá. O contexto non é moi distinto do que existía durante os últimos anos da ditadura, se exceptuamos as malleiras na comisaría. Duras multas das subdelegacións de goberno, condenas de prisión, e moitos medios de comunicación que non fan mención aos conflitos e ás mobilizacións laborais, que lle dan unha presenza anecdótica ou fan unha análise negativa. Son, todas elas, medidas que pretenden que o sindicalismo dea un paso atrás, que se refuxie nos locais e faga unha oposición simbólica diante das moitas inxustizas sociais e laborais. Esta actitude das clases dominantes débese a que teñen unha correlación de forzas favorábel, mais tamén a que temen moito ¡moito! que a situación mude, e que polo tanto se produza un estoupido social, diante de tanta medida regresiva. Por iso optan por reducir dereitos democráticos e poñer en funcionamento preventivo a maquinaria represiva. Unha actitude que non lles funcionará, como tampouco serviu en moitos outros países por moito tempo, especialmente cando non se pode compensar a falta de liberdades cunha mellora substancial da situación económica da maioría social.  

"O sindicalismo debe fortalecer ideoloxicamente tanto os seus cadros como o conxunto da clase traballadora, porque só así pódense superar as inxustizas e o estreitamento do cerco"

O sindicalismo debe fortalecer ideoloxicamente tanto os seus cadros como o conxunto da clase traballadora, porque só así pódense superar as inxustizas e o estreitamento do cerco, que se vai cebar sobre moitos dos que participen nas reivindicacións laborais e políticas. Terase que preparar moi ben cada acción, ter sempre a disposición servizos xurídicos, contar cunha caixa de resistencia que atenda estas situacións, e sobre todo dar forza á solidariedade de clase e procurar a complicidade social. Estas son loitas que non se gañan dando un paso atrás, senón confrontando con organización, axitación de masas, politización, métodos de traballo axeitados e obxectivos claros. A manifestación deste domingo foi unha demostración de solidariedade e decisión por parte do sindicalismo, xa que para alén das diferenzas tácticas e estratéxicas, comprendeuse a importancia dos retos que temos por diante, como galegos e galegas e como clase traballadora. Daquela, que malia a intensa chuvia e o frío, foran cinco mil persoas (segundo a policía municipal) as que ateigaron as rúas de Vigo, pedindo xustiza para Serafín e Carlos. O seu ingreso en prisión e o de todos e todas as que loitamos por un mundo mellor. E, non esquezamos que, para gañar as loitas cómpre teimosía ¡moita teimosía!

http://manuelmera.blogaliza.org/