Crise do neoliberalismo, xustiza social e soberanía
Agás excepcións que semellan transitorias, todo amosa que a Unión Europea (UE) está en plena crise sistémica, máxime cando esta afecta moito aos dous países cuxa economía e demografía e máis relevante, e polo tanto son as locomotoras da Unión: Alemaña e Francia. Daquela que teñan gran importancia as propostas que fan ambos gobernos para superar a caída ou estancamento do PIB, e a perda de competencia. Como alternativa para saír da poza, entre outras medidas, o chanceler de Friederich Merz de Alemaña anunciaba un outono de reformas regresivas, comezando por reducir o gasto no sistema público de pensións, afirmando que o “estado de benestar social chegou ao seu fin, que é insostíbel”. Utilizando como escusa fundamental para este paso atrás en dereitos sociais, que este é o único xeito de evitar “hipotecar ás xeracións futuras”. Un adianto, xa que a data da gran reforma sería en 2027.
Merz considera fundamental “frear e mesmo reducir o gasto público” en prestacións e servizos esenciais polo que, recoñece, que “algunhas receitas poden ser dolorosas” para as clases populares. Vexase que a argumentación do chanceler dá folgos á confrontación entre xeracións, co evidente intención de fragmentar á oposición. Esta actitude non semella conxuntural, xa que ao mesmo tempo obvia medidas, que se están a tomar e que implican hoxe e nos vindeiros anos un aumento importante do gasto público, concretamente no ámbito militar. Este gasto foi de 67.285 millóns de euros en 2023, de 88.458 millóns en 2024, para este ano será de 95.000 millóns. E o obxectivo para 2029 é que sexa de 160.000 millóns, é dicir máis do dobre que en 2023. A escusa é o “perigo dunha invasión rusa”, que carece de toda lóxica militar, a menos que as provocacións da OTAN a obriguen a entrar nunha guerra directa de carácter defensivo (co perigo nuclear que implica). Unha hipótese que non se sostén, xa que o gasto militar da Federación Rusa é moi inferior ao da UE. Na FR foi de 149.000 millóns en 2024, fronte aos 370.000 millóns da UE.
Ademais, aínda que Rusia vai gañando a guerra de desgaste, lévalle anos conquistar o territorio que reclama na Ucraína, como consecuencia do gran apoio da OTAN a Kiev,... E mesmo que a vitoria militar de Moscova estea cada vez máis cerca, os custes non alentan a unha guerra guerra directa contra a UE (ou sexa a OTAN), a menos que non lle deixen outra saída. Este non parece ser o obxectivo de ningunha das partes, tendo en conta o perigo para a humanidade do emprego de armas nucleares. Semella que a verborrea alarmista, desviando a atención da situación social e laboral, ten como obxectivo central alimentar a merca de armamento (o que non casualmente favorece aos Estados Unidos). Ademais, polo momento, a crear un estado de animo na sociedade que axuda a tomar medidas que afectan regresivamente ás clases populares, especialmente á clase traballadora.
Todo indica que occidente está fabricando un estado de animo de emerxencia social, económica e política. Polo tanto hai interese en alentar a confrontación con Rusia, China..., mediante a escenificación do estado de alarma no subconsciente colectivo. Daquela que, canta maior sexa a crise nos países occidentais máis agresivo é o relato e os discursos dos/as dirixentes, e que poñen nun segundo plano a procura do dialogo e a paz (ate onde chegará esta estratexia tan perigosa?...)
Agora ben, todo indica, esta estratexia do vello imperialismo hexemónico carece de perspectivas de éxito, que lle permitan manter os grandes privilexios económicos e de poder actuais, malia que aínda o dólar sexa moeda de referencia, os Estados Unidos teña centos de bases no exterior, e un control moi grande sobre os medios de comunicacións de masas e o capital financeiro. A importancia das materias primas, as reservas de enerxía, a produción industrial, e a competencia nas novas tecnoloxías, mesmo a tendencia demográfica, outórganlle un papel cada vez máis importante ás potencias emerxentes (como China e Rusia; as que se suman: India, Brasil, Iran, Turquía, México, Indonesia...). Daquela que as súas voces, moi plurais, teñan cada vez máis forza no contexto internacional, e “occidente” estea tan desesperado e as fendas vaian a máis.
Este reaxuste da economía e do poder no mundo, sendo unha necesidade e un avance, non abonda, xa que pode manter sen grandes cambios unha distribución inxusta do PIB entre países e que este se acumule mesmo nunha maior proporción nas potencias, mundiais e rexionais, e nas grandes fortunas (produto do medre da explotación laboral, da privatización, da especulación, do fraude fiscal,...). Son aspectos que están moi unidos á globalización neoliberal, ou sexa á concentración e centralización da riqueza e do poder... un tema ligado á problemática migratoria, demográfica, á agresión á natureza así como ás culturas e linguas (ou sexa, á perda da riqueza da diversidade humana, que afecta especialmente ás clases populares).
Resulta fundamental avanzar nun mundo multipolar, daquela a importancia dos BRICS, porén primando as economías nacionais e rexionais, limitando ao esencial os intercambios de produtos e servizos entre países e rexións, como a mellor garantía de construír sociedades donas do seu destino. Fortalecendo a igualdade, solidariedade e fraternidade. Polo tanto, o dereito dos pobos a decidir. A soberana nacional, a autodeterminación, non pode ficar conxelada en función dos intereses das potencias e aliados, mais tampouco das maiorías nacionais nos países plurinacionais (caso do Estado español, ou da Ucraína, e de moitos territorios no mundo). A democracia non é só votar, senón garantir un marco onde a soberanía das nacionalidades e a xustiza social sexan principios fundamentais.