Rusia estancada e cunha economía desfeita?
Hai catro anos, un 24 de febreiro, comezou a guerra entre a Federación Rusa (FR) e máis a Ucraína, que unha parte cualifica de invasión e a outra como unha defensa lóxica ante a desfeita que Kiev estaba a facer no Dombass desde o golpe de estado do ano 2014. Ao que se suma a proposta de integración na OTAN, co isto implicaba para a FR estratexicamente, en relación co armamento nuclear. A proclamación das repúblicas populares do Donetsk e Luganks foron a resposta a unha viraxe centralista (coa inxerencia de Estados Unidos e aliados).
Estas repúblicas populares crearon milicias que, en principio, exixían o recoñecemento nun estado federal. E os pactos de Minsk buscaron darlle unha saída pacifica á confrontación, mais Kiev e occidente tiñan pactada unha resposta militar, e mentres asinaban os acordos de Minsk, mantiñan a represión e armaban e aumentaban o número de tropas para impoñer unha solución militar. O conflito á altura de 2022 xa causará 14 mil mortos nas filas dos rebeldes, especialmente poboación civil, forzando a intervención rusa, como consecuencia da represión e o incumprimento dos acordos de Minsk, xa que a folla de ruta de “occidente” era outra. Daquela a ruptura do acordado en maio de 2022 en Istambul entre Rusia e a Ucraína para dar por rematado o conflito armado, polas presións do Reino Unido e Estados Unidos.
A OTAN e aliados forzaron a continuidade da confrontación militar coa finalidade de derrotar a Moscova, para debilitar os BRICS, e deste xeito aumentar as posibilidades de manter o mundo unipolar dependente do imperialismo “occidental” baixo a hexemonía de Washington. Agora ben, estes catro anos de guerra, deixaron en evidencia que os obxectivos de “occidente” non se cumpriron. No eido militar a Federación Rusa está a gañar a guerra (tamén ocupará Odesa?); e no plano económico, malia as múltiples sancións, Moscova mantén o medre do PIB, e capacidade para soster unha guerra de desgaste, e mesmo gañar territorio (en 2025 foron 6.500 quilómetros cadrados e 300 localidades). E isto malia que a OTAN e outros países aliados dos Estados Unidos participan enviando á Ucraína armamento e información loxística, recursos económicos, especialistas (militares), e impoñendo milleiros de sancións á FR. Un dato, sendo certo que o PIB medrou un 4,3% en 2024 e só o 1% en 2025, no caso de Alemaña foi negativo en 2024 o -0,2%, e só creceu o 0,25% en 2025. Non moito mellores son os datos do Reino Unido e Francia.
A este cadro sobre a situación hai que sumar un relato por parte de occidente que en moi poucas ocasións ten que ver co que realmente aconteceu. Por exemplo, en cuestións de tanta relevancia como: as razóns do conflito e súa evolución, consecuencias sobre a economía e a sociedade, tanto na Ucraína como na Federación Rusa, así como respecto dos avances, baixas de militares e civís, ataques, contraataques estado de animo das tropas e da sociedade, etc. Este é un ámbito onde os aparellos de propaganda dos Estados Unidos e aliados teñen aínda unha gran hexemonía. Daquela que na Unión Europea, poucas sexan as voces que se manifestan a prol da paz, e moito menos as que teñen en conta os argumentos da FR, non se tratan as dúas versións por igual, tomouse partido por unha delas. Non é un caso exclusivo vexase o que está a suceder en Gaza e Cisxordania, Líbano e Siria, por poñer outros exemplos, mesmo aqueles nos que se recoñece por amplos sectores da sociedade a existencia dun xenocidio, como é o caso de Palestina.
Hai que ter en conta que a guerra beneficia a produción e exportación armamentistica de USA, que pasa por unha grave situación económica e social, ademais comprometeu aumentar o gasto á Unión Europea e aliados, forzando a expansión dun dos poucos sectores industriais no que o primeiro ten unha clara hexemonía. Tamén os aliados esperan beneficiarse (Alemaña, Francia, Reino Unido, Suecia, Estado español), apostando porque este sector sirva de locomotora, e ao mesmo tempo golpear tanto a nivel militar como económico a Rusia, e polo tanto a alternativas como os BRICS. Daquela o interese en manter a guerra, mesmo cos custes humanos e económicos que ten, moi especialmente para a Ucraína. Se non fose e así, se este país estivera gañando a guerra e a FR estivese estancada na liña do fronte e cunha economía en desfeita, Moscova non representaría ningún perigo militar para a Unión Europea, nen para os Estados Unidos... Ademais, se a esta altura non pode coa Ucraína, a fronte está estancada, como argumenta a prensa de “occidente” ¿como podería confrontar coa OTAN? e polo tanto non habería razón algunha para esperar un ataque nen para aumentar o gasto en defensa na OTAN.
Estas son propostas carentes de apoio popular, son estratexias de risco, mesmo suicidas, que amosan a crise e a falta de proxecto de “occidente”. Daquela que se fagan desde o poder lecturas contraditorias sobre a realidade militar e económica para manter a guerra, e no gasto prepararse para outra, primando o militarismo e as medidas regresivas (tamén na información). Así como para combater o multilateralismo, un comercio entre países xusto, políticas solidarias.... Ademais todo indica, véxanse os acordos de Minsk, que Rusia non quería en principio conquistar de territorio, non era obxectivo prioritario (é o maior país do mundo en extensión cunha poboación reducida, e chegou a pactos como os de Minsk e Istambul que non cuestionaban o territorio da Ucraína, agás Crimea que é un caso moi especial ).
Afirmar que o avance ruso é cativo, que hai un estancamento. Mentira! A liña da fronte está minada, os tanques e a aviación teñen un papel secundario... Trátase dunha guerra de desgaste, máxime agora en pleno inverno, véxanse as baixas (as reais). Tampouco valen as comparacións entre ambos exércitos sen incluír do lado ucraíno a transferencia de armas, persoal cualificado, e apoio en materia de localización de obxectivos por parte dos Estados Unidos e aliados (especialmente os que integran a OTAN).
Deberíase acadar axiña un acordo de paz, mais resulta evidente que son moitos os intereses que apostan por manter a guerra, ou cando menos un pacto de alto ao fogo que non deixe morrer o conflito (como entre as dúas coreas), para situar en primeiro plano a industria do armamento, as sancións, a presión financeira. O que resulta evidente é que esta guerra non se pode analizar á marxe dos intereses de “occidente” de manter como sexa áreas de influencia, tanto teña esta como centro hexemónico os Estados Unidos, como nun segundo plano outras potencias rexionais, hoxe en decadencia, que asociadas á primeira tiraban lucro mesmo dunha práctica subimperialista. Non hai paz posíbel, a longo prazo, superadora do conflito, negando a realidade sobre o terreo.