Os dereitos democráticos están en xogo
Vivimos nunha conxuntura histórica, ou sexa un período entre dúas etapas, co que isto ten de cambios a todos os niveis, de complexo, de idas e voltas. A historia amosa que será así ate que se consolide unha tendencia dominante no aspecto económico, social, laboral, político, cultural e lingüístico. Superando así esta conxuntura, onde as clases dominantes todo o queren reducir a unha confrontación polo poder entre o imperialismo hexemónico e aliados, e as novas potencias emerxentes, moi especialmente China e Rusia.
Todo indica que a actual fase do capitalismo xa non responde á correlación de forzas do momento polo que non dá unha resposta axeitada ás contradicións entre nacións, clases sociais, e aos retos demográficos e ecolóxicos, etc. Polo tanto, é moi simplista coidar que o único que está en disputa (como pretende occidente), é manter ou non o papel hexemónico que xogou en todo o proceso da globalización neoliberal, especialmente despois da caída da Unión Soviética. Daquela, que se pretende impoñer un relato no que a alternativa está entre a saída militar (mais como ameaza que como posibilidade dado a cuestión nuclear) e aceptar algunhas mudanzas facendo as mínimas concesións ás potencias emerxentes.
A guerra da Ucraína, o xenocidio na Franxa de Gaza, as medidas regresivas anarco-capitalistas en Arxentina, o avance da estrema dereita na UE e as arroutadas de Macron, coido que son parte da primeira liña desta reconfiguración que se está producindo a todos os niveis, no externo e no interno, por parte das clases dominantes occidentais baixo o comando do imperialismo estadounidense, co obxectivo de manter a sua hexemonía no esencial. Non digo que non existan matices, mesmo que os procesos non teñan particularidades, senón que no esencial hai unha liña marcada desde Washington. Unha estratexia que comparten, mesmo con matices, os países aliados que se consideran favorecidos, ben sexa por ter papel subimperialista, ou gozar de certos privilexios, no contexto internacional.
O documento final contra Rusia saído da reunión en Suíza respecto da guerra na Ucraína o pasado 15-16 de xuño, deixou en evidencia ate onde chega, neste intre, o bloque occidental, e que a maior parte dos países, e sobre todo moitas potencias, mesmo non apoiando a postura rusa, non estaban dispostas a comprometerse cunha liña que ate agora apostou pola saída militar, as sancións, e mesmo a confiscación de activos rusos... e, no fundamental, por manter o imperialismo de Washington, e un lugar de privilexio na primeira liña de aliados (G-7).
Agora ben, así como na Ucraína e na Franxa de Gaza estase intentando por parte de occidente frear o avance dun mundo multipolar mediante a vía militar e económica, con sancións e altos impostos á importación (por exemplo os coches eléctricos importados de China), e na batalla polo control de minerais estratéxicos producidos en países da periferia (como o litio, cobalto, uranio, terras raras...). Tamén, todo indica que se está realizando unha transformación das relacións laborais, da perda de dereitos sindicais e democráticos, tanto nos países de “occidente” como naqueles que forman parte da súa periferia na cadea de valor, non poucas veces alentados polo FMI. O ascenso da ultradereita ten unha relación directa con este reaxuste sistémico, que ten como obxectivo manter e aumentar os beneficios empresariais e “competir” con economías planificadas como a China e ricas en recursos naturais, como a Federación Rusa.
Neste aspecto todo indica que na Arxentina, como en Chile no seu día co neoliberalismo, estase a probar (tamén por occidente) a imposición dun capitalismo máis autoritario, cun modelo social máis piramidal, reducindo a democracia aos procesos electorais e tratando como “contrario á democracia” a mobilización social. Construíndo un marco autoritario, onde o concepto de liberdade concretase na lei da selva, do máis forte, rico, raposeiro, atrevido... A pregunta é: canto aguantará o povo o retroceso económico, a precariedade e pobreza, agravadas polas súas políticas? Ate cando funcionará seu relato de sacrificio e de que o “problema é o maldito Estado” e os governos anteriores responsábeis de todos os males actuais?
A represión contra a manifestación que se realizou nas portas do Congreso o pasado día 12, foi sen dúbida un pulo cualitativo na utilización de medidas represivas por parte de Milei, unha proba dun modelo represivo sustentado nun relato mesiánico, autoritario, que busca desalentar a protesta social. Un paso adiante ante o fracaso dunha pronta recuperación da economía Arxentina. Sendo certo que baixou a inflación, ao mesmo tempo tamén o fixo o PIB, aumentou o desemprego, a pobreza, a protesta social. Polo tanto todo reflicte que non foi casual, senón algo planificado, a detención de 33 manifestantes escollidos ao chou nas protestas nas rúas próximas ao Congreso arxentino cando se estaba a debater a Lei Bases, así como a gravidade das acusacións (terrorismo, sedición, golpe de estado...). Ao que hai que sumar que 1.200 policías participasen no operativo, así como que uns 600 manifestantes fosen mancados ou feridos.
Moitos medios alternativos as grandes cadeas, presentes no lugar, destacan que a manifestación levaba horas sen ningunha alteración do orde, e que todo mudou coa aprobación da Lei de Bases. Daquela queimouse un coche por encapuchados (a 20 mtrs da policía), e outros incidentes menores mais das mesmas características, que non foron reprimidos, sen embargo deron pé a unha dura intervención policial contra a manifestación.
Todo reflicte polo tanto un operativo do Governo ben planificado para escenificar unha oposición “terrorista” (como foi etiquetada por Milei e Bulrrich) e xustificar unha dura represión que servise de exemplo para reducir o número de participantes de futuras convocatorias. Persoas detidas, moitas delas xa lonxe do lugar dos incidentes, que serían esposadas durante horas, paseadas por distintas dependencias policiais ou nas furgonetas para trasladar detidos/as, demorando días as declaración ante o xulgado e sen unha acusación formal (entre catro e seis días). Que sumado á actitude do fiscal facendo imputacións de actos de terrorismo, implican un salto cualitativo mediatico e político, calculado para causar temor a aquelas persoas de que mobilicen no futuro contra as medidas regresivas no social, laboral, democrático, por parte do “governo libertario”. Todo indica que esta non é unha actitude autoritaria que só se dá na Arxentina, senón que, con características propias en cada país, en cada proceso histórico, a democracia hai anos que se está recortando en todo o mundo, e tamén naqueles países que se din ser sumos valedores, comezando pola UE e os Estados Unidos