Dereito de autodeterminación
Comprobase acotío na acción política como cada goberno entende a soberanía segundo máis lle conveña ás clases dominantes do estado en cuestión. Daquela que a Unión Europea avale a ocupación de parte do territorio de Siria polos Estados Unidos, e que aínda non retirase as tropas de ocupación en Iraq malia o pedido hai anos realizado polo Goberno deste país. Nestes casos consideran que a soberanía non é relevante fronte aos “dereitos democráticos” que seica sempre garante e determina “occidente”. O propio fai o Estado español, ate hai pouco coidaba que o Sáhara tiña dereito á autodeterminación, tal como o entenden as múltiples resolucións as Unións Unidas, agora coida, nun cambio de 360 graos, que a solución máis convinte é que se incorpore a Marrocos como unha autonomía, negando ao pobo saharauí o dereito a decidir seu futuro.
Sería xusto, e ademais lóxico, que os pobos fosen os que tivesen a última palabra a prol do sistema que desexan: independencia, confederación, federación... Cantos conflitos internos e situación de colonialismo entre territorios e dentro dos propios estados soberanos se evitarían? produto das discriminacións culturais, lingüísticas, económicas, de dependencia... Cantos conflitos internacionais se evitarían? Como o do Dombass... Cisxordania... Sen dúbida hai moitos intereses económicos, políticos e mesmo de poder, para que este tema teña un papel secundario no debate ou se ignore a problemática, coa escusa da necesidade de construír un mundo máis aberto. Ou, no mellor dos casos tomarase a foto fixa aceptada polas potencias vencedoras da II Guerra Mundial. Deste xeito normalizase nunha gran parte do mundo a dependencia, a discriminación: económica, política... O que implica non só a perda para humanidade de dereitos democráticos senón tamén da diversidade histórica, cultural e lingüística, que deste xeito, para alén do discurso baleiro, na práctica ocupa un lugar subalterno na cadea de valor. A negación do dereito de autodeterminación, cando a colonia en cuestión non pertence ao mapa pre-dexeñado das potencias, xoga en beneficio da centralización e concentración do poder e da riqueza, tamén coa globalización neoliberal. A actual crise económica e Política, tamén de valores, debe abrir portas a que o mundo non perda gran parte da súa riqueza cultural, lingüística, histórica e de dereitos democráticos básicos.
A subordinación das nacionalidades e pobos, que se condena como principio cando hai distancia polo medio, mais négase cando o proceso dáse entre nacións veciñas (por exemplo dentro do propio estado) ou que levan moito tempo nunha situación de dependencia, amosa o cinismo co que se trata o tema. Por que unha pequena illa do Caribe ou do Pacifico pode ser un estado-nación e non selo Cataluña e Galiza malia ter millóns de habitantes? Resulta evidente que no primeiro caso tratouse de reproducir a estrutura colonial, o neocolonialismo, obviando as nacións autóctonas de cada territorio (algunhas con millóns de habitantes, e que foron en moitos casos divididas entre varios dos novos estados-nación). Non sería máis lóxico e democrático que ficase aberta a porta a que decida cada unha destas nacionalidades. O dereito democrático a decidir libremente non fractura senón que une desde ao trato igualitario.
O centralismo é un mal que afecta ás potencias e á inmensa maioría dos países, tamén aos que teñen un rol subimperialista, e mesmo hai periferias dentro das periferias. En poucas ocasións se recoñece un dereito democrático básico como é o de decidir soberanamente. É verdade que foi distinto no relativo a Kosovo... xa que aínda que non estaba recoñecida como unha república tratábase de debilitar a Serbia. Porque, se o obxectivo era respectar a vontade dos/as kosovares, non se lle debería dar esa mesma capacidade á minoría serbia para que optase entre Kosovo ou Serbia. Non semella que fose casual favorecer a independencia e que os Estados Unidos construíse a súa maior base militar en Europa. Se o fundamental houbese sido respectar a vontade dunha nacionalidade respecto do dereito de autodeterminación, porque non se aplica en Euskadi, Sáhara, Flandres, Kurdistán, Galiza, etc. Que o pobo vote e decida! Porque hai tanto medo á aplicación sen cortapisas deste dereito esencial?
Ficamos nunha conxuntura complexa, de graves problemas medioambientais, de límites nos recursos, de problemas demográficos, de aumento da desigualdade social e da precariedade, nun mundo cada vez máis multipolar (pero menos diverso, igualitario..). Polo que haberá moitos cambios, de actitudes e criterios, tamén no que fai ás estruturas político-territoriais neste período. A cuestión das nacionalidades non é un problema do pasado, como non o é a loita de clases. Aínda que Europa vaia a remolque nestes temas e en moitos outros.