Curros Enríquez, galeguismo e república
Manuel Curros Enríquez foi sen dúbida unha figura que destacou na Galiza de finais do século XIX no ámbito da loita das ideas, na formación da conciencia colectiva, abrindo camiño ao galeguismo, desde unha perspectiva popular. Foi unha figura relevante, que non pasou desapercibida para a maioría social, como deixa en evidencia o monumento erixido na cidade de A Coruña.
Curros naceu en Vilanova dos Infantes, concello de Celanova o 15 de setembro do ano 1851.
Pasou longos períodos fóra da Galiza. En principio en Madrid, onde estudou e traballou, e exerceu como xornalista (La Gaceta de Madrid 1873, El Imparcial 1874, El Porvenir 1883, El País). E logo en Cuba, onde emigrou en 1894 por motivos económicos e políticos. Porén sempre mantivo un forte vencello co que acontecía en Galiza, tomou partido político e bateu contra as clases dominantes. Un destes enfrontamentos foi por mor da súa obra “Aires da miña terra”, publicado no ano 1880, que o bispo de Ourense condenou por seica conter “proposicións heréticas, blasfemas, escandalosas e algunhas merecentes doutra censura” (Manuel Curros Enríquez súa vida e súa obra, de Luís Carré Alvarellos). Feitos polos que será condenado a dous anos e catro meses de prisión, malia a moi boa defensa do avogado Paz Novoa. Non ingresa na cadea porque Serafín Temes deposita unha fianza de 1.500 pesetas (da época).
Contextualicemos a conxuntura. En 1887 celebrouse en Lugo unha xuntanza na que se elaborou o Proxecto de Constitución pra o futuro Estado Galaico, e en 1889 Brañas publica en Barcelona o seu libro “El Regionalismo”, e en 1890 fúndase en Compostela o boletín “Patria Gallega”. Curros participa deste ideario “regionalista” da época, que é un paso previo ao nacemento en 1916 das Irmandades da Fala, e do Manifesto Nacionalista en 1918, que poñen os alicerces do galeguismo actual (o nacionalismo galego). Curros tivo unha especial preocupación polo idioma galego, tanto do seu uso correcto como no relativo ao seu futuro. Vilanova Rodríguez (no seu libro Vida y obra de Manuel Curros Enríquez) afirma: “Curros sentiu fonda preocupación polo destino histórico do noso idioma... sabia que o povo que deixa morrer a súa lingua non ten xa razón pra sobrevivir como ente histórico”.
Curros foi un poeta e xornalista premiado en vida, recoñecido socialmente, que soubo entender e interpretar as inquedanzas populares, foi perseguido polas forzas conservadoras e non puido evitar atrancos económicos e problemas familiares. En Cuba, na que tivo un importante papel na colectividade, fundou “Tierra Gallega” e foi defensor dunha ampla autonomía da illa, cando os campos e gándaras tinguíanse coa sangue dos heroes da independencia, e dos que defendían o centralismo españolista. No plano ideolóxico, ademais do seu anticlericalismo, denunciando a dobre moral que tiña a igrexa e como contribuía a abafar os anceios das clases populares; destaca como defensor da causa republicana, neste aspecto cada vez cun acento máis galeguista, que se manifesta especialmente na emigración en Cuba. Neste país morreu o 7 de marzo de 1908.
O enterro de Curros fíxose na Coruña, e causou polémica e deixou en evidencia a súa incidencia popular. Dinos Celso Emilio Ferreiro no seu libro sobre Curros Enriquez: “A discordia, o signo da discrepancia, que o perseguira toda a vida, presentábase agora na tumba”. No concello de A Coruña xurdiu o debate se o enterro debía ser católico ou laico. Acordouse que o fillo do poeta decidise, foi na súa procura Nan de Allariz –partidario do enterro laico-. Abelardo, o fillo, decidiuse polo enterro católico, seica influído por Alfredo Vicenti. “Á velada fúnebre, celebrada no Teatro Principal non asistiu a representación obreira, que desconforme cos actos, convocou un gran mitin de protesta, no que interveu Manuel Casas”. As opinións estaban tan enfrontadas que ate se temeu unha folga xeral. Hai que destacar que ao cortello fúnebre, o 2 de abril de 1908, asistiron segundo os xornais de época unhas 40.000 persoas.