Coa motoserra a pleno rendemento

Milei gañou as pasadas eleccións á presidencia na Arxentina, non tanto polo apoio ao seu programa ultraliberal, ou sexa, reducir o estado á mínima expresión, que gañou adeptos nas clases acomodadas, como polo fracaso económico dos últimos dous gobernos de Fernández, do peronismo, e de Macri, da dereita neoliberal. Estes gobernos, mesmo tendo diverxencias programáticas, favoreceron no esencial ao gran capital, dando pulo a un proceso que ademais de aumentar a pobreza e precariedade laboral, castigou severamente á clase media, en beneficio da centralización e concentración da riqueza e do poder no gran empresariado (tanto nacional como estranxeiro). As diferencias de programa na práctica entre os dous bloques políticos confrontados terminaron sendo de matices e, sobre todo, ningún foi eficaz para o desenvolvemento da economía e na loita contra a corrupción nos organismos públicos. Tampouco tomaron medidas eficaces que diminuirán a violencia, puxeran freo aos roubos e evitasen a ocupación das vivendas, en non poucos casos realizados por mafias organizadas con criterios exclusivamente empresariais.

En poucas palabras, durante os gobernos de Fernández e Macri agudizáronse as contradicións sociais, mais tamén dentro das clases subordinadas, onde a fractura colleu protagonismo no relato e no debate nas clases populares. E, o máis grave, non se tomaron medidas axeitadas que evitasen unha confrontación entre a clase traballadora, especialmente aquela cun limitado poder adquisitivo, e un sector lumpem cada vez máis numeroso. Impúxose a lei da selva e politicamente faltou na esquerda unha distinción obxectiva entre a clase traballadora empobrecida, e aqueles sectores lumpem, que fan das axudas públicas, da ocupación de vivendas e do latrocinio ás clases populares, un modo de vida. Unha resposta que normalmente castiga aos/ás máis próximas, reforzando na práctica o proxecto do gran capital.

Durante estes meses a oposición a Milei, especialmente representada polas correntes da esquerda do peronismo, e en menor medida pola esquerda marxista (neste caso esencialmente trotskista), foron incapaces de presentar un bloque opositor que confrontase coa forza necesaria e con propostas alternativas (de modelo económico e social) contra as iniciativas da ultradereita gobernante, tanto na sociedade e na rúa como no poder lexislativo. Daquela que a motoserra de Milei funcionase, malia non ter o seu partido maioría no Congreso nen no Senado. Polo que estas e outras institucións son dunha gran importancia na política arxentina, dado que no fundamental o peronismo e outros partidos do país (agás a esquerda marxista) están estruturados para participar dos procesos electorais. Daquela que a iniciativa na rúa e as campañas reivindicativas dependan en gran medida das centrais sindicais e organizacións sociais.

Agora ben, no mes de setembro vanse realizar eleccións na provincia de Bos Aires, a máis poboada e con maior PIB do país (a Arxentina ten un sistema federal) e en outubro eleccións xerais de medio termo, polas que se renova unha parte do Congreso. Aínda que Milei (o partido de La Libertad Avanza) acaba de gañar as eleccións na cidade de Bos Aires, algo que hai uns meses non tiña seguro, neste intre as enquisas de apoio comezan a ser negativas, un 56,8% desaproba a súa xestión. Pola súa banda o goberno "libertario" presenta como éxitos da súa xestión o control da inflación e seica unha redución grandiosa da pobreza e indixencia, segundo dados do INDEC (que semellan pouco críbeis segundo moitos especialistas no país, xa que analiza exclusivamente cidades de máis de 100.000 habitantes, non ten en conta o aluguer da vivenda, o aumento do custe dos medicamentos etc.). Daquela segundo estes datos a pobreza pasaría de máis do 52,9% no primeiro semestre de 2024 ao 38,1% do 2º semestre de 2024. Unha caída de 14,8 puntos! O coñecemento destes datos tan “positivos” van acompañados, no momento escollido, pola aprobación dun decreto para a privatización total da empresa de Agua y Saneamiento Argentinos (AySA).

Unha ampliación da representación, tanto nas eleccións provinciais como nas xerais de medio termo "permitiríalle ao LLA, e seus aliados, intentar profundizar nas reformas estruturais, laborais, pensións e impositivas. Nesta disputa xogase o goberno do capitalismo local, en tempos de reorganización do sistema mundial", (Julio Gambina). Do que non hai dúbida, e debe tomar nota á esquerda, a ultradereita dálle moita importancia ao relato, ás redes, á batalla ideolóxica... Unha tarefa que, cando menos ate a caída da URSS, foi moi importante para a esquerda transformadora.