Acordos de paz na Franxa de Gaza
Sen dúbida o xenocidio, que se está perpetrando (por decisión meditada do Goberno israelí) contra a poboación palestina na Franxa de Gaza quedou durante as últimas semanas retratado en todos os aspectos represivos no subconsciente dunha gran parte da humanidade, malia o relato terxiversado ofrecido polas clases dominantes que controlan os grandes medios. Así o reflicten as manifestacións masivas, e pronunciamentos de todo tipo de institucións no mundo. Tamén na nación galega houbo mobilizacións constantes en cidades e vilas, destacando a de Compostela do 5 de outubro, nas que estaca a participación do nacionalismo. Non podía ser doutro xeito fronte a unha sucesión de feitos que deixan en evidencia ate onde pode chegar a represión, que ademais ía a máis, abranguendo sobre todo a persoas inocentes de calquera acto de violencia armada, mais golpeadas polo simple feito de pertencer a un grupo étnico, e querer defender a sua identidade e poder vivir ali onde o veñen facendo desde hai moitos séculos.
Por se non abondase este xenocidio organizado na Franxa de Gaza, coa evidente intención de ocupar o territorio e empurrar ao exilio seus habitantes históricos, hai que sumar un endurecemento da represión na Cisxordania, e a calculada ocupación por colonos xudeus. Estes xa son uns 800.000 e van a máis, poñendo novos atrancos á constitución no futuro do Estado Palestino. Polo que non chega só con declaracións verbais dos organismos rexionais e internacionais, aínda que sexan necesarias, se non van acompañadas de medidas prácticas inmediatas, porque sobre o terreo acotío os feitos consolidan a ocupación de Palestina e que esta fique reducida a cidades e pobos illados, dando azos á expulsión de palestinos/as para facer do territorio ocupado parte dun estado na que a inmensa maioría dos seus habitantes vivan baixo os intereses exclusivos, prácticas relixiosas e culturais xudeus. Tamén hai que ter en conta que unha parte do pobo israelí oponse a estas políticas discriminatorias e represivas.
Neste contexto, no que o vello imperialismo foi perdendo a batalla do relato, e a contestación popular nas rúas é cada vez maior, mesmo naqueles países de occidente que historicamente apoiaron a Israel, dado o que está a acontecer todos eles víronse obrigados a facer un chamado de atención a Netanyaju e buscar unha saída inmediata para frear o xenocidio. Neste contexto de mobilización social hai que situar esta iniciativa de alto ao fogo e debate dos termos da paz proposta por Estados Unidos (seguramente previamente pactada con Israel para alén da escenificación de que foi forzada por Trump). A primeira fase do acordo de paz implica a retirada progresiva das tropas israelís de parte de Gaza (entre un 50% e 70% do territorio segundo as fontes) e a liberación de todos os reféns por parte da Hamás, así como a posta en liberdade de 1.900 palestinos encarcerados, 1.700 en Cisxordania e 250 da Franxa, e a entrada de alimentos e medicinas (calculase que hai 54.000 nenos e nenas que están en situación de desnutrición en Gaza).
Sendo este acordo un avance na dirección correcta, o fundamental fica pendente de negociar. Desde a retirada das tropas israelís de todos os territorios ocupados, o recoñecemento do Estado Palestino e daqueles representantes elixidos polos/as cidadáns deste país, así como un plano de reconstrución da Franxa de Gaza, e os medios económicos necesarios para a etapa de transición e a plena recuperación económica e social, e a normalidade política. Sen dúbida estas son cuestións esenciais, porque non se trata de reabrir o campo de concentración, senón de convertelo nunha cidade, máxime despois de dous anos de bombardeos e masacre. Estará disposto Estados Unidos e este goberno israelí a dar os pasos necesarios para garantir a igualdade de trato, ou sexa, na convivencia? En calquera caso para israelís e palestinos, mesmo para as relacións coas nacións da rexión (e tamén do mundo) é a única aposta con perspectivas de futuro, nun contexto tan complexo e con retos tan fortes.
Cómpre unha paz pactada entre as partes en conflito, con garantías, polo tanto mirando ao futuro, e avalada internacionalmente. É un reto que afecta á maioría da poboación do mundo, como se comprobou nas mobilizacións e pronunciamentos durante estes dous anos e moi especialmente nos últimos meses. Será posíbel dar este salto adiante positivo na convivencia, nos dereitos e deberes?... Trataríase dun paso no camiño correcto bo para todas e todos; tamén para outros conflitos. A primeira pedra está posta, poranse as demais? Cumprirase por Israel o acordado? Os antecedentes de procesos previos nos que se buscou unha saída negociada e boa para todas as partes non foi posíbel... esperemos que neste caso non sexa así.