Até sempre, Vitoliña

Un centenario moi festexado, unha chea de libros (eu lin e recomendo María Casares Fronte o espello, de Sabela Hermida; María Casares, A Impaciencia por Vivir, de María Canosa; A única, María Casares, de Anna Plantagenet, Todas las horas del día, de Clara Fuertes; Os libros arden mal, de Manuel Rivas e Memoria de cidades sen luz, de Inma López Silva) que agrandan, se cabe, o horizonte debuxado por Residente Privilexiada (deliciosamente traducido ao galego por Ana Belén Martinez Delgado), ela contada por si mesma: María Victoria Casares Pérez, María Casares, Vitoliña, a nena da rúa Panadeiras que nacera na Coruña o 21 de novembro de 1922. Foi pouco antes do último goberno constitucional do reinado de Alfonso XIII baixo a presidencia do liberal Manuel García Prieto, que durou coma un parto, nove meses, até o golpe de Estado de Primo de Rivera. Ou sexa que, mentres as democracias, despois da Gran Guerra, ían collendo pulo en Europa, no Estado Español florecían as tradicionais ditaduras militares. Podemos dicir que os "tolos anos 20" están, en España, máis perto do caciquismo que do Charleston. Son anos dunha sociedade polarizada entre proletarios absolutos e señoritos burgueses, coa santa igrexa católica apostólica e romana mandando a máis no poder, e co medre importantísimo dos movementos obreiros e sindicais, encarnados maiormente no anarquismo.  

E todo isto é importante porque a nosa Vitoliña, a súa vida, vai estar condicionada pola política do Estado, por nacer na familia que naceu, por ser a filla de Santiago Casares Quiroga. Como a vida de millóns e millóns de persoas no mundo, pensaredes, e máis nesa época de contrastes e promesas que se extinguían no ar cando caían as bombas. Mais, Vitoliña, unha nena burguesa con conciencia social, tivo que deixar atrás canto coñecía, canto amaba, para afrontar dende mociña a dor do desarraigo e o exilio. E non voltar nunca, agás co recordo, á rúa Panadeiras. 

"Des que deixei España en novembro de 1936, non volvín endexamais á Coruña e se os recordos que gardo dela tan celosamente coma o meu acento galego, traizoan ou deforman a realidade exterior, é que eu ignoro aínda esta realidade".

Vitoliña percorreu o planeta sen deixar nin un átomo da súa identidade. Foi exiliada; foi francesa; foi aplaudida polo mundo enteiro; amou e foi amada por un dos homes máis lúcidos do seu tempo; foi unha actriz de alcance universal de cinema e teatro; foi, xunto con Camus, colaboradora da résistence française contra o nazismo; foi condecorada coa Lexión de honor francesa; foi Premio Molière, César e Grand Prix National du Théâtre entre moitísimos recoñecementos máis e algúns que España lle deu tarde e mal; foi quen de expresar con magníficas palabras a súa propia vida; foi filla amantísima, e afirmou que a súa patria era o teatro sendo sempre galega, evocando a súa nenez, levando o son da súa fala nas linguas que falaba.